O observatorio OSIMGA aposta pola sinxeleza e a accesibilidade no seu novo portal
martes, 17 de xullo do 2018
Un
dos nosos principais recursos para tomarlle o pulso á Galicia
dixital, o
Observatorio para a Sociedade da Información (OSIMGA), está estes
días de estrea: lucindo unha web renovada. Quen queira
comprobalo poderá facelo na web www.osimga.gal,
que ofrece un deseño moito máis gráfico e unha distribución dos
elementos que posibilita meirande sinxeleza no acceso e máis no uso.
Tamén
incorpora o deseño responsive que facilita a navegación
dende diferentes dispositivos, e máis unha estrutura remodelada que
se dirixe a garantir que as usuarias e os usuarios cheguen da maneira
máis rápida e doada posíbel ao contido ou elemento que procuran.
Segundo
lembra a axencia AMTEGA, da que depende o observatorio, o portal do
OSIMGA é a principal ferramenta de difusión pública das
actividades realizadas polo Observatorio como organismo de xestión,
información e vixilancia da evolución da sociedade da información
en Galicia. Este portal, engade a axencia, “é unha canle aberta de
comunicación e difusión dos datos, informacións, estudos e outros
materiais elaborados polo observatorio”.
En
2017, osimga.gal recibiu 121.878 visitas, un 5,2% máis que o ano
anterior, e o número medio mensual de visitas ao web situouse en
máis de 10.100.
O
portal leva en marcha dende hai sete anos e, segundo lembra a
axencia, os cambios e avances experimentados ao longo dese tempo
fixeron necesaria unha remodelación na forma de presentar os datos e
nos xeitos empregados para permitir o acceso a eles. Así, amais do
cambio visual, realizouse unha reorganización dos contidos
destacados, “de xeito que a lectura sexa máis limpa e clara”.
Entre
as novas seccións, cómpre salientar o apartado de Estatísticas,
que ofrece un Cadro de Mando cos principais indicadores da Sociedade
da Información en Galicia, conforme ao Plan Galego De Estatística
2017 – 2011 da Comunidade Autónoma de Galicia. Outra novidade é a
sección Informes, estudos coa información estatística máis
ampla e detallada sobre as TIC existente en Galicia, cunha consulta
sinxela por categoría ou anos.