O panorama nacional dos contidos audiovisuais ten unha cita de talento na 17ª edición do pitching do CLAG

luns, 18 de setembro do 2023 S. P.

A 17ª edición do pitching I+P, Ideas para Producir xa ten confirmada a asistencia de máis de quince grupos de televisión, plataformas, distribuidoras e produtoras do panorama audiovisual nacional. Deste xeito, os interesados no tema acudirán dende toda a Península a Galicia na procura de novas ideas e produtos audiovisuais no I+P, evento que organiza o Clúster Audiovisual Galego e que se celebrará os vindeiros 30 de novembro e 1 de decembro na Coruña.
Será o 1 de decembro cando teña lugar a xornada de presentación de proxectos audiovisuais e encontros one-to-one que contará coa asistencia de executivos de cinema e televisión das canles e plataformas RTVE, Mediaset España, Atresmedia, Movistar Plus+, Amazon Prime Video, Filmin, CRTVG, TV3, EITB, Canal Sur, Aragón TV, amais de distribuidoras e produtoras como Warner Bros., ITVP España, Filmax, A Contracorriente Films, DeAPlaneta ou Fonte Films, entre outras.
Cómpre dicir que as empresas e os profesionais do audiovisual que queiran participar neste encontro poden inscribirse até as 14 horas do día 2 de outubro. Para isto, hai que enviar o formulario en liña que está dispoñíbel na páxina web do Clúster. A partir do día 1 de novembro a organización comunicaralles aos seus responsábeis os proxectos seleccionados para participar no pitching.
Engadir que a edición 2023 do I+P está subvencionada pola Deputación da Coruña, patrocinada pola Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, e conta co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e coa colaboración do Concello da Coruña, as asociacións profesionais AGAG e CREA e o Máster en Produción Xornalística e Audiovisual (MPXA), e patrocínano Music Library & SFX e Gadisa.