O peche de Dolce Vita leva a Media Markt a liquidar as súas existencias

martes, 21 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

Tras cinco anos de actividade, e tras padecer unha importante caída de actividade tras a apertura de Marineda City, o Centro Comercial Dolce Vita de A Coruña anunciou hoxe que botará o peche o vindeiro día 31, o que deixa sen emprazamento definido a un dos poucos negocios que quedaban en funcionamento no edificio, a cadea de electrónica de consumo Media Markt, que vén de anunciar que entre os días 22 e 25 de xaneiro liquidará as súas existencias por traslado, de xeito que poderán adquirirse todos os seus produtos cun 25% de desconto.
Polo momento non se coñece a localización á que se trasladará a tenda coruñesa de Media Markt, pero é de agardar que durante os vindeiros días sexan moitos os consumidores que se acheguen ao vello establecemento, pois cando esta cadea celebra os seus días sen IVE (o que equivale a un 17,36% de desconto) xa recibía auténticas vagas de clientes.

A falta de actividade levou ao Centro Comercial Dolce Vita ao peche

PUBLICIDADE