O peche de Tractis confirma o fracaso do DNIe

martes, 20 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

No ano 2009 o Ministerio de Industria emprendeu unha campaña de promoción do DNI electrónico para o que contaron coa empresa Tractis para distribuír 300.000 lectores de DNIe, que remitían aos interesados por só 2 euros en concepto de gastos de xestión. Estes lectores USB facilitaban o uso do DNIe nos nosos equipos informáticos, de xeito que o carné servía como certificado dixital ente as administracións públicas, pero tamén confiábase en que tal tecnoloxía puidese servir para identificar a usuarios ante moitos outros servizos en liña e, como exemplo diso, a propia Tractis publicara un engadido para WordPress que facilitan a identificación de usuarios para publicar no seu blog a través do DNIe.
Pero finalmente o uso do DNIe non conseguiu callar socialmente, de xeito que os obxectivos de Tractis como empresa non puideron acadarse, xa que estaban especializados na oferta de métodos de verificación de identidade e sinatura electrónica baseados precisamente nos sistemas de identidade emitidos por gobernos. En vista desta situación, Tractis anuncia o cesamento dos seus servizos de certificación electrónica o vindeiro 30 de abril.
O peche de portas de Tractis sería consecuencia directa do fracaso do uso do DNIe no sector privado en España, o que entenden que é consecuencia da falta de dispositivos lectores, a dificultade do seu uso, a falta de casos de éxito e incluso a competencia da FNMT (que cos seus certificados dificultaba a iniciativa privada).
Dende Tractis consideran que a administración pública está a ser moi lenta na resposta das demandas do mercado en relación ao DNIe, e como exemplos mencionan que tardouse 10 anos en estender a validez dos certificados do DNIe e 11 anos para eliminar o sistema de prezos da FNMT (só despois de que a Unión Europea forzase tal medida), o que consideran inadmisible, xa que o sector privado precisa axilidade para progresar, e non poden tardar anos, e mesmo décadas, en recibir resposta ás súas demandas.
O futuro do DNIe parece pesimista, especialmente se temos en conta que boa parte destes documentos teñen actualmente os seus certificados dixitais revogados por culpa dun fallo de seguridade, situación que leva a Tractis a pechar tras 13 anos de actividade.

PUBLICIDADE