O peor complemento do ano para portátiles: fundas de beludo

mércores, 13 de decembro do 2006 Marcus Fernández

De cando en vez aparecen accesorios para ordenadores que habitualmente sorprenden pola súa inutilidade, como un cadelo quente ou unha bailarina de striptease que se poden conectar ó porto USB do equipo, pero noutras ocasións nos abraian polo pouco sentidiño destes complementos, como é o caso de Lapstyle, que presentou unha serie de fundas para ordenadores portátiles que permiten abrigar ós nosos equipos durante o inverno e que parecen esquecer a vaga de incendios de portátiles durante o pasado verán (por mor do quecemento das súas baterías).
Así, o fabricante destas fundas de veludo que venden pola Internet a 24,99 dólares parece querer facerse co premio do peor invento do ano, xa que non só as súas fundas son dun gusto estético sumamente discutible, senón que supoñen unha ameaza tanto para os portátiles como para os seus usuarios.

PUBLICIDADE