O persoal das bibliotecas públicas galegas formaranse en novas tecnoloxías como ChatGPT
luns, 1 de abril do 2024
A Xunta de Galicia organiza esta tempada seis formacións en liña destinadas ao persoal en activo da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, así como para os traballadores das bibliotecas de arquivos e museos de xestión autonómica. A través destes cursos, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades busca impulsar o aprendizaxe continuado do persoal bibliotecario e afondar en novas tecnoloxías, como o ChatGPT, e as súas posibilidades no traballo diario destas entidades.
Cun investimento de 11.744 euros, desenvolveranse cursos sobre impacto bibliotecario, aplicacións móbiles e tecnolóxicas, novos espazos, desinformación e datos. Realizaranse durante os meses de abril, maio, xuño, setembro, outubro e novembro con duración de entre 30 e 40 horas e un total de 155 prazas.
A Xunta destaca novidades a formación sobre ChatGPT nas bibliotecas, sobre as súas aplicacións e estratexias de uso. Os obxectivos desta iniciativa, que se celebra entre o 27 de maio e o 28 de xuño cunha duración de 40 horas, son entender a fondo esta ferramenta, desenvolver habilidades en Intelixencia Artificial, mellorar a experiencia do usuario na biblioteca, facilitar a creación e manexo de contido dixital, fomentar a educación e alfabetización informacional, así como innovar en servizos bibliotecarios e integrar ChatGPT nas necesidades locais de cada espazo.
Inclúense este ano outras formacións novas como o curso de aplicacións móbiles para a biblioteca en abril, co que se pretender “reflexionar sobre a importancia da medición e da avaliación de todos os eidos dos servizos bibliotecarios”. Outra das novidades é o programa sobre a desinformación nas entidades bibliotecarias, fixado para o mes de outubro. Con este evento, o Goberno galego quere “achegar ferramentas ao persoal das bibliotecas para combater a desinformación e, así, configurar un proxecto propio contra esta”.
Así mesmo, a formación para sacar partido dos datos nas bibliotecas, que nas anteriores edicións se realizou de maneira presencial, desenvolverase en outubro e novembro e aportará aos participantes coñecementos sobre os conceptos básicos da colección, facilitará o desenvolvemento de tarefas cotiás e mostrará as vantaxes de contar con información para avaliar as prestacións do servizo.
Mantéñense actividades de amplo seguimento nos anos previos como o curso de aplicacións móbiles para a biblioteca, que se celebrará en maio. Nel os participantes aprenderán a “usar as aplicacións máis demandadas entre traballadores e usuarios”. Mentres, en setembro celebrarase a formación sobre os novos recunchos da biblioteca: lectura, tecnoloxía e arte, coa que se quere abordar a nova concepción espacial das bibliotecas e ofrecer propostas novidosas, aproveitando os novos recursos tecnolóxicos ao fomento da lectura.