O pico do tráfico de datos de Movistar durante a borrasca superou ao de Aninovo

xoves, 14 de xaneiro do 2021 S. P.

Os embates da borrasca Filomena foron máis que considerábeis en boa parte do territorio estatal e, por este motivo, a operadora Telefónica puxo en marcha un plan de emerxencias para asegurar a adecuada prestación do servizo durante o temporal, plan do que vén de facer completo balance, como tamén da actividade xerada a través do servizo móbil, que bateu récords en tráfico de datos.
En concreto, Telefónica activou as seis bases de emerxencia das que dispón a compañía para afrontar imprevistos desta índole, situadas en Madrid, Barcelona, Zaragoza, Valencia, Sevilla e León. Segundo informou a operadora, as unidades están compostas por equipos humanos de intervención “especificamente preparados”, ademais dunha frota de vehículos todo-terreo, motoneves, máquinas pisaneves e vehículos Unimog que permiten, en palabras de Telefónica, “acceder a lugares de moi difícil acceso para asegurar o mantemento do servizo”.
En paralelo, antes do temporal, Telefónica desprazou e instalou grupos electróxenos de reforzo en determinados puntos críticos para prestar servizo en caso de fallo de subministración eléctrica. A maiores, ampliou os recursos humanos que controlan a rede 24x7 tanto nos centros de control remoto como a pé de rúa cun total de máis de 400 técnicos.
O temporal de neve Filomena deixouse sentir tamén na rede de Movistar onde os valores máis destacados producíronse nos datos móbiles UL (Up Link-do usuario á rede) que experimentaron un medre do 13% con respecto aos niveis dos días anteriores (en condicións normais o tráfico UL supón só un 7% de media). No entanto, o temporal produciu que os usuarios enviasen vídeos e imaxes desde o móbil a outras persoas, ademais de establecer vídeo-conferencias o que explica o incremento do tráfico en sentido UL. Este mesmo incremento foi máis acusado nas comunidades máis afectadas o temporal, como Madrid, onde o pico do tráfico enviado desde os móbiles dos clientes Movistar superou mesmo ao máximo de Ano Novo.
Doutra banda a voz móbil de Movistar mantivo o comportamento rexistrado desde hai uns meses cun repunte no seu uso e o día da nevada (sábado 9 de xaneiro) experimentou un incremento do 13% respecto ao tráfico habitual en días non laborábeis.

PUBLICIDADE