O plan estatal para garantir nas aulas usos seguros das TIC bateu récord de participación en Galicia
mércores, 23 de xullo do 2025
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, fixo balance dos éxitos en Galicia do Plan para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas Contornas, un programa para a mellora educativa, a loita contra o ciberacoso e o uso responsable das TIC que, segundo dixo, “bateu récords durante o curso 2024-2025, tanto no número de centros participantes como no volume de actividades impartidas”.
Durante o curso académico, ofrecéronse 5.231 accións formativas por parte da Garda Civil e a Policía Nacional —fronte ás 4.600 do ano anterior- en 1.015 centros educativos, o que supón un incremento do 13,27% e a superación, por primeira vez na historia do programa, da barreira do milleiro de centros participantes, salientou Blanco, engadindo que nas actividades implicáronse 154.753 persoas, “unha cifra extraordinaria, composta maioritariamente por alumnado, pero tamén por profesorado e familias”.
O delegado, acompañado do director da área de Educación da Delegación do Goberno, Lois Carballido, presidiu este 23 de xullo a reunión da Comisión Autonómica de Seguimento do Plan, onde enmarcou estes bos resultados na “aposta do Goberno por entender a educación como unha das principais ferramentas para favorecer a seguridade na sociedade”. No encontro, recoñeceu o compromiso e o traballo conxunto da Garda Civil e da Policía Nacional, da comunidade educativa, das administracións implicadas e das familias.
As temáticas máis solicitadas pola comunidade escolar volveron ser as relacionadas coa seguridade dixital, a prevención da violencia entre iguais (acoso e ciberacoso), a violencia de xénero, as adiccións, os delitos de odio e os delitos sexuais.
Tamén medrou de forma exponencial a demanda de actividades “á carta”, como charlas sobre medio ambiente, protección de datos, orientación profesional ou visitas a dependencias policiais. “Estas accións pasaron de representar o 2,5% ao 27% do total en apenas catro cursos, o que demostra a capacidade de adaptación do Plan de Convivencia e a versatilidade da Garda Civil e da Policía Nacional”, salientou Blanco.
No ámbito da seguridade cidadá, o delegado informou que se seguiron incrementando as vixilancias nas contornas escolares ata alcanzar as 13.499 en 839 centros educativos de toda Galicia. Grazas a este labor das Forzas e Corpos de Seguridade, foi posible desactivar sete puntos de venda de droga.
