O plan formativo do Clúster TIC Galicia pon en marcha a súa 3ª edición para promover o talento tecnolóxico

xoves, 1 de febreiro do 2024 S. P.

Dende o Clúster TIC Galicia, en colaboración coa Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta, veñen de anunciar a posta en marcha da terceira edición do seu plan formativo, gratuíto e en liña, para promover o talento tecnolóxico e mellorar as competencias e habilidades, tecnolóxicas e transversais, de traballadores por conta allea, autónomos e desempregados.
Indo á nova convocatoria, dicir que conta con máis de 100 cursos, que se desenvolverán entre febreiro e xuño de 2024, relacionados con diferentes áreas TIC: Intelixencia Artificial (IA), ciberseguridade, desenvolvemento de aplicacións, programación avanzada ou metodoloxías para a xestión de proxectos IT (siglas en inglés de Tecnoloxías da Información). Engadir que tamén haberá unidades formativas transversais, como cursos de Excel ou inglés.
As formacións impártense en dúas modalidades, a través de plataformas de teleformación e aulas virtuais en directo, con profesorado experto en cada unha das materias. A finalidade destes cursos é incentivar a promoción profesional, reforzando as habilidades dos traballadores, e recualificar á poboación activa en sectores estratéxicos para dar resposta ás necesidades actuais do mercado e á demanda das empresas.
Subliñar que este é o terceiro ano consecutivo que se leva a cabo esta acción formativa, enmarcada no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España. Conta cun orzamento estimado dun millón de euros, financiados cos fondos europeos Next Generation EU e canalizados a través do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes e da Xunta de Galicia.