O plan integral de benestar dixital incorpora un contrato de vida en liña para fomentar a responsabilidade e a desconexión
luns, 12 de xaneiro do 2026
A Xunta, a través do seu presidente Alfondo Rueda, anunciou este luns 12 de xaneiro a aprobación do Plan integral de benestar dixital, que será, a partir de agora, “a folla de ruta para xestionar de forma axeitada a utilización das tecnoloxías no eido educativo e contribuír, deste xeito, á formación de cidadáns dixitais que fagan un uso consciente e comprometido destas”, sinalou. O documento, que leva aparellado un orzamento de 7,4 M€, inclúe un paquete de “medio cento de medidas” estruturadas en cinco eixes para desenvolver ao longo de cinco anos ata 2030. Incorpora tamén un contrato de vida en liña para asegurar a desconexión tecnolóxica das e dos escolares.
O plan, deseñado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, nace co obxectivo de blindar os centros educativos como “contornas dixitais seguras onde a innovación avance da man da protección, da igualdade de oportunidades e da defensa dos dereitos e da dignidade das persoas”, sinalou, engadindo se apela á corresponsabilidade e á coordinación entre a escola, as familias, as administracións públicas e a industria tecnolóxica para “promover un bo uso da tecnoloxía e unha axeitada convivencia cos dispositivos dixitais co fin de garantir o benestar emocional na infancia e na adolescencia, traballar na mellora do rendemento escolar e procurar a convivencia equilibrada a prol dun ensino híbrido”.
A iniciativa, engadiu, busca incidir en seis dimensións do impacto tecnolóxico: as condutas de risco e ciberseguridade, os hábitos de vida saudables, a garantía dos dereitos e dos valores democráticos, a convivencia escolar e familiar, a aprendizaxe e desenvolvemento cognitivo e a socialización e o desenvolvemento persoal.
Para garantir que a rapazada aproveite as posibilidades das novas ferramentas ao tempo que minimiza os riscos, incorpórase como dixemos a posta en marcha do chamado Contrato de vida dixital que busca fomentar a responsabilidade e o compromiso do alumnado. Trátase dun documento de carácter voluntario que asinarán o centro e o alumno, de acordo coa familia, relativo ao uso das tecnoloxías “fóra do horario escolar”. Neste contrato estableceranse unha serie de “obrigas para o alumno” no que atinxe aos tempos, horarios e usos dos dispositivos dixitais e farase un seguimento do seu cumprimento.
A Consellería de Educación facilitará aos centros o documento así como orientacións específicas para facer efectivo o contrato. “Incluiranse accións como retos de desconexión dixital como método pedagóxico que contribúa a un uso equilibrado”, sinalou o presidente, engadindo que “dado que este é un ámbito en continua actualización onde a evidencia científica avanza progresivamente, o plan prevé a creación do Foro galego de benestar dixital, un espazo de reflexión colectiva sobre tecnoloxía e infancia que se reunirá anualmente para debater a evolución do plan cos diferentes profesionais e colectivos implicados nel”.
Rueda sinalou que tamén se introducirá un programa de formación específico para o alumnado sobre alfabetización mediática, verificación de información e intelixencia artificial. En concreto, o programa Na procura da loiada buscará desenvolver habilidades coas que identificar, analizar e verificar información co fin de detectar e “previr a difusión de noticias falsas”.
Deseñarase, así mesmo, unha unidade didáctica que permita aos estudantes identificar, analizar e reflexionar sobre as principais vulneracións de dereitos en contornas dixitais.
Un puntal importante serán as familias, fomentando a colaboración entre estas e a escola a través dunha alianza onde ambas as partes se complementen. O plan incidirá nunha serie de accións para formalas e axudalas no labor de acompañamento aos seus fillos neste eido. Entre as medidas previstas está o desenvolvemento do programa de formación Encontros coas familias, para proporcionar estratexias de actuación, resolver dúbidas e formalos no uso de ferramentas de control e seguimento das ferramentas dixitais. Tamén se publicará a guía Clic familiar, con pílulas audiovisuais de profesionais de diferentes ámbitos que ofrezan recomendacións sobre hábitos dixitais enriquecedores.
Prevese, igualmente, a posta en marcha dun programa afectivo-sexual integral, adaptado ás características evolutivas do alumnado e orientado a uso seguro do ámbito dixital.
No eido do profesorado, traballarase na formación especializada para mellorar o seu desempeño e habilidades en contornas educativas dixitais, o que os axudará tamén a identificar e previr situacións de risco. Así mesmo, tamén se porán en marcha accións enfocadas ao benestar emocional do propio profesorado ante a dixitalización.
Dentro do eixo de sensibilización sobre os dereitos no eido dixital, o plan abrangue unha campaña informativa adaptada a diferentes colectivos para informar dos dereitos esenciais do desenvolvemento tecnolóxico ou a posta en marcha do paquete educativo O bosque dos dereitos, que contará con dilemas, actividades e retos por nivel educativo.
Tamén se fará unha feira dixital anual dirixida a centros educativos e familias, celebrarase o Día Internacional da Protección de Datos e o Día Internacional da Internet Segura nos centros educativos, que terán á súa disposición materiais e recursos para traballar a concienciación.
Para a elaboración do documento, que agora, trala aprobación no Consello da Xunta, porase á disposición da comunidade educativa, contouse coas achegas de recoñecidos expertos dos eido da docencia, da pedagoxía, da psicoloxía, da tecnoloxía e da medicina.
En concreto, estiveron implicados Antonio Rial Boubeta, profesor do Departamento de Psicoloxía Social, Básica e Metodoloxía da USC; Susana Rey García, médico pediatra e presidenta da Sociedade de Pediatría de Galicia; María Dolores Fernández Tilve, profesora do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da USC; Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, e o doutor en Dereito, Julio José Fernández, entre outros.
