O planetario da coruñesa Casa das Ciencias renova o seu proxector
martes, 12 de setembro do 2023
O planetario da Casa das Ciencias da Coruña vén
de anunciar que dende este luns, 11 de setembro, e até dentro de 3
semanas aproximadamente permanecerá
pechado por mor da renovación do seu sistema de proxección dixital
logo de facerse cun modelo de última xeración que, segundo informou
o Concello, “aproveitará a mellora na potencia dos computadores e
as tecnoloxías de proxección para achegar unha experiencia
inmersiva de calidade moi superior á do mecanismo actual”.
Deste xeito, o Goberno de Inés Rey investiu
214.000 euros na substitución dun equipo que este ano cumpre 14 anos
dende a súa instalación. Engadir que o resto do museo pódese
visitar con normalidade todos os días en horario de 10 a 19 horas.
Indo ao novo sistema, sinalar que contará con
proxectores de tecnoloxía LED e o software Digistar 7, desenvolvido
pola empresa Evans&Sutherland, o que proporcionará unha
experiencia con maior resolución e imaxes máis reais para trasladar
aos usuarios e usuarias a outros planetas ou viaxar pola Vía Láctea
e o resto do universo.
Fontes do Concello engadiron que a renovación
deste dispositivo do planetario non supón perder o emblemático
proxector analóxico de estrelas Zeiss, que convivirá co novo
sistema e complementarao nalgunhas sesións.
A xeito de curiosidade dicir que os primeiros en
estrear o renovado planetario serán o alumnado escolar do curso
2023/24, un público que o curso anterior superou a cifra de 30.000
persoas.