O pleno da Deputación de Ourense aproba a ordenanza de acceso electrónico aos seus servizos

luns, 2 de agosto do 2021 S. P.

O pleno ordinario da Deputación de Ourense correspondente ao mes de xullo aprobou en inicio a ordenanza reguladora do acceso electrónico aos servizos do ente provincial e dos seus organismos dependentes. O obxectivo é “regularizar o uso dos medios electrónicos no ámbito da Deputación”, e para iso a ordenanza promove a utilización das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, as TIC, na actividade administrativa, nas relacións entre a Deputación e o resto de entidades integrantes do sector público, así como nas relacións coa cidadanía, co fin de garantir os seus dereitos de acceso electrónico aos servizos públicos desta Administración.
No pleno acordouse que para os usuarios interesados en relacionarse coa Administración provincial a través de medios electrónicos “consideraranse válidos a efectos de sinatura os sistemas de sinatura electrónica e selo baseados en certificados electrónicos incluídos na Lista de confianza de prestadores de servizos de certificación”.
Seguindo o fío do anterior parágrafo, requirirase aos usuarios o uso obrigatorio da rúbrica para: formular solicitudes, presentar declaracións responsábeis ou comunicacións, interpoñer recursos, desistir de accións e renunciar a dereitos. Ademais, acordouse que “se algunha persoa interesada non dispón dos medios electrónicos necesarios, a súa identificación ou sinatura electrónica no procedemento administrativo poderá ser validamente realizada por un funcionario público provincial habilitado, mediante o uso da sinatura electrónica do que estea dotado para iso”.
Para levar a cabo esta operativa, a Deputación de Ourense e os seus organismos dependentes e entes adscritos, prestarán asistencia presencial, ou a través de Internet, redes sociais, atención telefónica ou correo electrónico corporativo. A sede electrónica da Deputación de Ourense estará dispoñíbel no sitio sede.depourense.es. En relación a este portal, para facilitar o acceso dos cidadáns aos seus servizos a entidade provincial achegará unha oficina de atención e asesoramento ao cidadán nas dependencias do Pazo Provincial.
Asemade, a Deputación e os seus entes dependentes dispoñen dun Rexistro Electrónico Xeral único, no que se fará o seu correspondente asento de todo documento que sexa presentado ou que se reciba, como tamén dun taboleiro de anuncios e edictos –integrado na sede electrónica-, que servirá como medio de publicación dos anuncios, acordos, resolucións e comunicacións emitidos polo ente provincial.

PUBLICIDADE