O pódcast Aquí faltan páxinas pon o foco na modista Juaniña do Porriño

martes, 18 de novembro do 2025 S. P.

A terceira edición do programa de podcasts Aquí faltan páxinas, impulsado pola Deputación de Pontevedra para rescatar as historias de mulleres non contadas vinculadas á provincia, porá o foco este mércores (ás 19 horas no Salón de Plenos do Concello do Porriño) en Juaniña, Juana de la Cruz Domínguez, e os seus cen anos de paixón pola costura.
Dicir que a deputada de Igualdade, Paula Bouzós, asistirá a esta actividade na que a propia Juaniña, memoria viva do Porriño e que neste 2025 con motivo do seu centenario foi homenaxeada polo Concello cun nome nunha rúa situada moi preto do seu taller, será a encargada de contar a súa historia coa enerxía e sentido do humor que a caracteriza. A muller, símbolo de vitalidade e moi querida e popular na vila, da que chegou a ser pregoeira das Festas do Cristo no 2024, contará o seu vínculo coa costura e a súa gran paixón polo mundo da moda, en especial polos deseños de alta costura de grandes firmas.
A traxectoria profesional de Juaniña comezou cando tiña 9 anos e aos 13 inaugurou o seu primeiro taller na casa familiar, onde formou a decenas de mozas que seguiron o seu mesmo camiño. Tamén desde alí confeccionou deseños únicos para clientas de toda Galicia, réplicas de modelos icónicos e creacións inspiradas nos grandes modistos como Balenciaga, Chanel ou Christian Dior. Ao longo das décadas, o seu taller foi un referente de creatividade pero tamén salientou pola inmensa xenerosidade de Juaniña, que mesmo cosía para familias humildes sen cobrar.
Botando unha ollada cara atrás, Aquí faltan páxinas, terá continuidade con máis capítulos. Xa se organizou un faladoiro sobre as alfombristas e despois do de Juaniña, seguirán outros para narrar a historia das cantareiras de Gargamala, das nais contra a droga, da primeira alcaldesa de Galicia, Concepción Pérez Iglesias, ademais das mulleres do mundo do viño, da soprano de zarzuela Matilde Vázquez, da fotógrafa e xornalista Corona González, da bióloga Marisol Soengas, da arquitecta Rita Fernández Queimadelos, da cineasta Cruz Risco e das primeiras policías locais, Marina Ledo e Begoña Villar.