O podcast Aquí faltan páxinas rende homenaxe á soprano cambadesa Matilde Rodríguez

luns, 23 de febreiro do 2026 S. P.

Dende a Deputación de Pontevedra veñen de anunciar a terceira edición do programa Aquí faltan páxinas, un novo podcast que vai á procura de enxalzar a figura de grandes mulleres vinculadas á provincia e relevantes na historia.
Desta volta, o faladoiro terá lugar o vindeiro xoves, 26 de febreiro ás 20 horas na Sala Pitusa da Casa da Calzada, en Cambados, sendo a protagonista Matilde Vázquez, soprano natural de Cambados e afincada en Madrid, representante da zarzuela. Os asistentes ao faladoiro poderán asistir ao relatorio de Marieta Lorenzo, investigadora musical e arquiveira da Real Filharmonía de Galicia, que estará acompañada pola deputada de Igualdade, Paula Bouzós.
O faladoiro, organizado pola Deputación de Pontevedra, salientará a traxectoria de Matilde Vázquez, que tras trasladarse a Madrid coa súa familia comezou a recibir leccións de música e canto co mestre Luís Iribarne. Actuou como cupletista, pasou despois ao xénero da revista e a súa carreira despegou en 1927 co seu debut na zarzuela, mesmo sendo protagonista de versións cinematográficas e facendo varias xiras por Hispanoamérica. Tras a Guerra Civil fundou a súa propia compañía e deixou rexistro discográfico con intérpretes como Marcos Redondo e Juan García. Retirouse arredor de 1955 e a partir de aí adicaríase á pintura de xeito afeccionado. Faleceu en 1992 e deixou unha traxectoria que representa o esplendor da zarzuela española, así como un legado de repertorio clásico que tivo unha influencia duradeira no teatro lírico español.
Engadir que o programa Aquí faltan páxinas terá continuidade con máis faladoiros. Tralos xa desenvolvidos sobre as alfombristas, Juaniña do Porriño, Concepción Pérez Iglesias, as Nais contra a Droga, as mulleres de Gargamala e Marisol Soengas, e o centrado en Matilde Vázquez desta semana seguiranlle outros nos que se narrarán as historias das mulleres do mundo do viño, da fotógrafa e xornalista Corona González, da arquitecta Rita Fernández Queimadelos, da cineasta Cruz Risco e das primeiras policías locais, Marina Ledo e Begoña Villar.