O polígono de Xinzo estrea Internet de 350 Mbps

venres, 8 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

Seguen adiante os traballos do Plan de Banda Larga da Xunta para introducir redes ultrarrápidas nos polígonos que non contan con elas. O complexo máis recente en sumarse á “comunidade” de polígonos galegos FTTH (Fiber To The Home) é o de Xinzo de Limia, onde 17 empresas xa dispoñen de acceso a Internet con velocidades de até 350 Mbps. Amais dos negocios do polígono de Xinzo, máis de 50 empresas dos parques empresariais de Vilamarín, Pontedeva e Vilar de Santos, ficarán conectadas a estas redes ultrarrápidas ao longo de 2018. Ao remate, a previsión é subir ao carro da Internet avanzada 11 parques ourensáns.
Estes datos foron presentados este 8 de xuño no consistorio de Xinzo, da man da delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, e do representante provincial do operador adxudicatario, Jacobo González de los Santos. Na cita, na que participaron empresarios da bisbarra e máis ao alcalde de Xinzo (Manuel López Casas), fíxose saber que as empresas dos polígonos beneficiados, incluídas as 17 da área empresarial local, poden contratar servizos de Internet a través de fibra óptica cunhas velocidades de até 350 Mbps de baixada e 35 de suba, e cunha garantía de caudal do 80% sen límite de descargas.
Na cita tamén se avaliou o camiño percorrido polo Plan e o treito que resta por cubrir. Xa se completou o despregue dos ditos equipamentos en 61 polígonos da Comunidade e este ano chegarase a 19 máis. “Deste xeito, en 2018, un total de 130 polígonos, que concentran case o 93% da superficie empresarial ocupada, disporán de acceso a redes de máis de 100 Mbps”, cobertura que supón un investimento total de 5,2 millóns de euros, dos que 3,4 son subvencionados pola AMTEGA e co-financiados ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020 (PDR).

PUBLICIDADE