O polo aeroespacial das Rozas recibirá da Xunta 15,4 millóns de euros en 2020

venres, 18 de outubro do 2019 Redacción

A Consellería de Economía anunciou hoxe as cifras de investimento que van ser adicadas o vindeiro ano ao permanente proceso de medre do polo aeroespacial galego, con sede nas Rozas, Lugo. En termos concretos, o departamento que dirixe Francisco Conde destinará 15,4 millóns de euros á dita iniciativa, un proxecto para converter a nosa terra en referente no deseño e fabricación de recursos aéreos intelixentes, flexíbeis e innovadores. O dato foi achegado polo propio Conde, que dixo que os orzamentos de 2020 apostan pola “formación e a innovación” para “crear emprego e contar cun tecido empresarial máis diversificado e competitivo”.
Trátase, dixo, “dunha oportunidade para seguir apoiando proxectos de I+D+i que as multinacionais están realizando en Rozas en colaboración con máis de 30 PEME, universidades e centros de coñecemento galegos”, subliñou, engadindo que o polo conta xa coa colaboración de tres socios de referencia internacional (Indra, Babcock e Boeing) e que este prestixio acadado “permite a Galicia desenvolver unha iniciativa innovadora coa que gañar en diferenciación”.
Segundo se prevé, o polo aeroespacial mobilizará 164 millóns de euros grazas a actuacións que se están a desenvolver, como os seis proxectos da primeira convocatoria da aceleradora BFAero, que xa ten aberto o prazo para a segunda edición; ou a construción do polígono industrial de Rozas. “Dúas iniciativas que axudarán a impulsar o emprendemento innovador no sector aeronáutico galego”, explicou Conde.

PUBLICIDADE