O portal Dyntra sitúa Ames á cabeza dos concellos galegos en materia de transparencia

venres, 8 de marzo do 2024 S. P.

O portal de observación social de ética e transparencia pública Dyntra situou ao Concello de Ames como “a institución municipal máis transparente de Galicia, e colócao no posto número 88 de España”. O Concello conta con 103 indicadores publicados dos 162 que recolle Dyntra, acadando deste xeito unha taxa 63,58% no índice DAM (Dyntra Ayuntamientos y Municipios), que inclúe aos municipios de máis de 15.000 habitantes.
A avaliación recolle seis apartados, nos cales Ames obtén as seguintes puntuacións: 69,23% en transparencia municipal; 54,55% en participación e colaboración cidadá; 55,56% en transparencia económica-financieira; 75% en contratacións de servizos; 65% en urbanismo e obras públicas e 0% en datos abertos (Open Data).
O portal rexistra tamén “unha evolución moi favorábel” do Concello dende as primeiras avaliacións das que se ten constancia. Así, en outubro do 2015, cando se recolleron os primeiros datos de transparencia, o índice de Ames situábase no 16,78%. Xa no 2016, a porcentaxe evolucionou de xeito positivo cara un 29,45%. A partir do ano 2020, tras a implantación uns meses antes da nova páxina web municipal e do novo Portal de Transparencia, alcanzouse o 57,67%. En xaneiro de 2023 Ames situábase como o terceiro Concello máis transparente de Galicia cunha porcentaxe do 59,26%.
Aspectos avaliados por Dyntra
Como dixemos, no apartado de transparencia municipal o Concello de Ames obtén unha puntuación do 69,23%. Esta sección está á súa vez dividida en diversos apartados: información sobre os cargos electos e o persoal do Concello (66,67%, 22 de 33 indicadores); información sobre a organización e o patrimonio do Concello (80%, 8 de 10 indicadores); información sobre normas e institucións municipais (81,82%, 9 de 11 indicadores); e planificación e organización do Concello (54,55%, 6 de 11 indicadores).
Na sección de participación e colaboración cidadá a porcentaxe acadada por Ames é do 54,55%. Neste apartado inclúense a información e a atencións ao cidadán (63,64%, 7 de 11 indicadores) e o grado de compromiso coa cidadanía (50%, 11 de 22 indicadores).
En terceiro lugar sitúase a sección de transparencia económica-financieira, na que se obtén unha puntuación do 55,56%, e dentro da que se inclúe a información contábel e orzamentaria (40%, 2 de 5 indicadores); a transparencia nos ingresos e gastos municipais (20%, 1 de 5 indicadores); a transparencia nas débedas municipais (50%, 2 de 4 indicadores); así como a información económica e orzamentaria (76,92%, 10 de 13 indicadores).
O apartado contratacións de servizos está á cabeza nas puntuacións, logrando acadar unha porcentaxe do 75%. Os procedementos de contratación de servizos valóranse cun 100%, cumprindo tres de tres indicadores posíbeis; e tamén se puntúa cun 100% as relacións e operacións con provedores e contratistas. Por último, a subsección contratos, convenios e subvencións obtén un 63,64% (7 de 11 indicadores).
Urbanismo e obras públicas acada un 65%: os plans de ordenación urbana e convenios urbanísticos chegan ao 100%, igual que a información sobre empresas concorrentes, ofertas e resolucións. As decisións sobre recualificacións e adxudicacións urbanísticas logran un 50%, mentres que os anuncios e licitacións de obras públicas acadan o 75%. Por outra banda, o seguimento e control da execución de obras chega ao 60%. A subsección indicadores sobre urbanismo e obras públicas é valorado cun 0%, ao non contar con ningún dos tres aspectos a avaliar publicados.
Para finalizar, o Concello tampouco obtén puntuación no apartado dos datos abetos, ao non contar cunha plataforma deste tipo na que se publiquen os datos en formato aberto.

PUBLICIDADE