O portal Galicia Nomeada e o seu potencial para salvagardar a nosa toponimia centran unha charla en Rianxo

mércores, 3 de setembro do 2025 S. P.

O Centro Cultural Vicente Vidal de Leiro (Rianxo) vai acoller o vindeiro 10 de setembro, ás 20.00 horas, unha charla arredor do portal Galicia Nomeada, plataforma colaborativa da Real Academia Galega (en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua) para favorecer a recuperación da toponimia tradicional galega. A sesión desenvolverase baixo o epígrafe Galicia Nomeada: unha ferramenta dixital para protexer a toponimia galega e será impartida por Vicente Feijoo Areas (RAG). Organiza a Plataforma pola Defensa do Monte.
Galicia Nomeada é unha plataforma colaborativa para a recolleita, xeorreferenciación e difusión da microtoponimia galega e de toda a tradición oral asociada a ela. Esta ferramenta informática permite que o voluntariado cultural de Galicia (particulares, asociacións veciñais e culturais, comunidades de montes, centros de ensino, confrarías, entidades públicas e privadas...), desde un PC, tableta ou smartphone conectado a Internet, poidan achegar os topónimos da súa aldea, parroquia ou concello, segundo unha metodoloxía predefinida.
Medio millón de topónimos xeorreferenciados
O portal Galicia Nomeada xa superou o medio millón de topónimos xeorreferenciados. Da dita cifra, preto de 88.000 entradas son nomes de leiras, regos, devesas, camiños, praias, fontes e outros microtopónimos rexistrados por veciños e veciñas de todo o país desde a posta en marcha deste proxecto a finais do ano 2019. Os concellos con máis contribucións son os de Vigo (6.681), Outeiro de Rei (3.959), Navia de Suarna (2.974), Redondela (2.968), Bueu (2.462), Rianxo (2.261), Cangas (2.252), A Baña (2.254), Mondariz (1.959) e Vilaboa (1.933), grazas a colaboradores especialmente activos como Iván Sestay, Orlando Viveiro Veiga ou Olivar Noenlle Vázquez.
A ferramenta inclúe un visor que permite nestes momentos consultar e descargar máis de 529.000 nomes de lugar, sendo uns 38.000 dos cales de entidades de poboación (concellos, parroquias e lugares) que figuran no actual Nomenclátor de Galicia e outros 403.000 son microtopónimos recollidos no marco do Proxecto Toponimia de Galicia (PTG), que funcionou entre os anos 2000 e 2011.
No seu primeiro lustro de vida, a plataforma achégase ás preto de 4.000 contas de usuarios e usuarias entre particulares, institucións, asociacións ou centros de ensino que cobren practicamente a totalidade do territorio galego. Máis da metade subiron a Galicia Nomeada polo menos unha ducia de topónimos ou presentaron algunha información valiosa sobre os nomes xa rexistrados, porque a aplicación tamén permite incorporar datos sobre cambios de denominacións ao longo da historia, audios coa súa pronuncia, lendas arredor dos topónimos, fotografías etc.
Amais, cento vinte e oito concellos, máis dun terzo do total, contan polo menos con dez persoas ou institucións que amosaron o seu interese en colaborar ou recoller a toponimia local. Entre os que máis usuarios anotados suman, salientan Boiro, Zas, Ribeira, Ortigueira ou Carnota, municipios que acolleron no seu momento algunha das charlas do programa Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, a campaña coa que a Real Academia Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua, percorre as catro provincias na procura de persoas que colaboren na recolla dos nomes do territorio. O paso desta campaña propiciou en ocasións colaboracións especialmente vizosas, como sucede en Ponteareas, cuns 1.900 microtopónimos rexistrados dende entón.