O portal Lex.gal incorpora a normativa consolidada da USC
mércores, 19 de novembro do 2025
Segue a medrar Lex.gal, proxecto desenvolvido conxuntamente pola USC, Parlamento de Galicia, Xunta de Galicia e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) para acubillar unha completa base de datos con toda a lexislación ditada pola Comunidade Autónoma, en lingua galega e consolidada, dende 1981. A todo este repositorio engádese agora a normativa consolidada da Universidade de Santiago de Compostela.
“Con esta ferramenta viva e en permanente actualización ábrese a toda a cidadanía a posibilidade de dispor dunha relación sistemática de textos consolidados coas normas vixentes máis relevantes da USC”, explicou a investigadora principal do proxecto, Diana Santiago.
Na sección web de Normativa da USC Consolidada pódense consultar, por ámbitos materiais, as normas vixentes máis importantes. Esta é unha primeira selección normativa xa que como sección integrante de Lex.gal, “trátase dun proxecto vivo, obxecto de actualización e mellora constante”. Nestes momentos pódense consultar as normas máis relevantes relativas a Normativa xeral, Estudantado, Profesorado, PTXAS, Investigación e Transferencia, Contratación e Patrimonio, Xestión orzamentaria e Administración electrónica da USC.
De xeito progresivo iranse ampliando os contidos e normas das seccións.
O obxectivo deste proxecto no seu conxunto é “ir ampliando os seus contidos con novos produtos como códigos sectoriais nos que se reunirán sistematizadas e ordenadas por sectores da actividade da administración ou das diversas ramas do dereito as principais normas vixentes comentadas e accesibles para a súa descarga gratuíta; ou o acceso á carta a través de diversos dispositivos electrónicos e móbiles aos diversos contidos do portal”.
Coa finalidade de ampliar e mellorar esta ferramenta, Lex.gal incorpora unha fiestra para que calquera usuaria ou usuario poida facer as achegas e os comentarios que considere oportunos, facilitando así non só a participación de toda a cidadanía neste proxecto senón tamén o seu permanente perfeccionamento e mellora, tal e como require o principio de boa administración.
