O portal Proxector achega unha ducia de vídeos sobre as consecuencias da crise climática
martes, 3 de decembro do 2024
Sobre os fenómenos meteorolóxicos adversos e as consecuencias da emerxencia climática na que estamos mergullados tratan os doce vídeos que conforman a nova entrega de portal Proxector, web de divulgación científica en lingua galega, promovida polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) co apoio da Universidade de Santiago (USC). A adversidade nos mapas do tempo é o título desta entrega que xa está dispoñible.
O novo especial de Proxecto afonda na idea de como podemos minimizar os danos da crise a través do que a ONU chama alfabetización climática, é dicir, educación e coñecemento. Este é o fío temático da nova entrega de Proxector, que escolma unha ducia de recursos que nos falan dos factores que determinan o clima, nos advirten das consecuencias do cambio climático e nos ensinan a interpretar os fenómenos meteorolóxicos adversos dos que alertan os mapas do tempo.
O profesor Xacobo de Toro explica nun dos vídeos como interpretar os mapas do tempo. Noutro, pertencente á serie Desmontando mitos de GCiencia, o profesor da USC, Gonzalo Míguez Macho, explica as evidencias científicas que constatan que o actual quecemento global está provocado polo aumento de CO2 na atmosfera.
Nesta entrega, a divulgadora Esther Estévez explica, dun xeito ameno e breve, que a forma galega correcta é DINA. Que é un rebentón húmido e porqué as borrascas teñen nome centran outros dos vídeos do especial. Jorge Mira, catedrático de Electromagnetismo na USC, explícanos como funciona un pararraios e resolve a dúbida sobre se un raio pode caer dúas veces no mesmo sitio. Os microclimas de Galicia tamén son obxecto de análise doutro vídeo a cargo de Juan Taboada Hidalgo que tamén explica as principais características diferenciadoras entre eles e os factores que motivan esta diversidade.
Un apoio audiovisual ao ensino en galego
Proxector: audiovisuais en galego para a docencia é un sitio web centrado en ofrecer de “maneira atractiva e en lingua galega” diversos materiais audiovisuais para o seu uso nas aulas de bacharelato e dos cursos universitarios.
O proxecto orixinal foi deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística da USC e comezou no ano 2015 dentro do portal educativo Didactalia. No 2018 o CCG, a través do CDSG, entrou na iniciativa para participar na comunicación e na edición dos contidos. Ademais, en virtude das competencias que lle son propias no coidado e difusión do idioma galego, o CCG pretende asumir a custodia destes materiais, ofrecidos a toda a sociedade nunha web dedicada a esa finalidade.