O portal Proxector achégase ao Entroido no seu especial de febreiro
martes, 11 de febreiro do 2025
A nova entrega do portal Proxector, iniciativa de divulgación científica en lingua galega, promovida polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) co apoio da Universidade de Santiago (USC), escolma este mes de febreiro unha ducia de vídeos para achegarse ás diferentes formas de celebración do Entroido baixo o título Cando o pobo vai de festa: celebracións e patrimonio inmaterial.
“Ao longo deste mes de febreiro e ata pasada a primeira semana de marzo de 2025, peliqueiros, cigarróns, pantallas, felos, boteiros, troteiros, volantes, madamas ou choqueiros percorrerán vilas e aldeas do país para convidarnos a gozar desta festa ancestral antes de que a Coresma marque os seus ritmos de contención” explica a introdución desta entrega, que arrinca cun vídeo divulgativo da iniciativa Ponte... nas Ondas! (PNO) que aborda os diferentes elementos do patrimonio cultural inmaterial galego-portugués. Outro vídeo, elaborado polo IES Daviña Rei de Monforte de Lemos, descobre as características e as singularidades das principais máscaras do Entroido tradicional galego. Sobre a denominación tamén hai un vídeo, protagonizado por Antón Santamarina, que explica cales son as cinco formas que ten o idioma galego para se referir ao "entroido".
A escolma complétase con vídeos sobre os maios, a auga de San Xoán, as lendas do Samaín ou a figura mitolóxica do Apalpador. Tamén, da man do antropólogo Rafael Quintiá, bótase luz sobre a foliada, manifestación musical, festiva e popular específica de Galicia na que se producen simultaneamente o canto, o baile e a práctica instrumental da música tradicional.
Proxector: audiovisuais en galego para a docencia é un espazo web dedicado a recompilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega de diversas materias de bacharelato e de ensino universitario.
O proxecto orixinal foi deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos.
Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados e o nivel de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso.