O portal Proxector achégase cunha ducia de vídeos á importancia da auga

martes, 11 de marzo do 2025 S. P.

Achégase a data do Día Mundial da Auga, que se celebra cada 22 de marzo, e a nova entrega do portal Proxector, iniciativa de divulgación científica en lingua galega, promovida polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) co apoio da USC, achégase á súa importancia. Unha ducia de vídeos para afondan na auga, nas súas características, nas súas problemáticas e nalgúns dos seus múltiples aproveitamentos (natural, patrimonial, médico, turístico ou enerxético) baixo o título A auga: unha molécula fundamental.
Nesta escolma de doce vídeos o portal achégase á auga dende diferentes aspectos. Entre eles pódese ver un que fala da importancia da auga para a preservación da biodiversidade. Noutro, creado pola Domus, o museo científico coruñés, apunta o dato curioso de que se o 70% do noso planeta está formado por auga e o 70% do noso organismo tamén. Aproveita así para ensinar as principais característica da molécula.
O ciclo da auga, as súas propiedades así como a xeofísica da auga son obxecto doutros vídeos que se inclúen na escolma. Destaca tamén un protagonizado por Manuel Vicente e David Ballesteros que fala das diferentes cores que pode ter a auga e da información que estas cores nos ofrecen en relación ao seu estado.