O portal Proxector celebra o Día da Ciencia en Galego levándonos de viaxe polo Universo
martes, 5 de novembro do 2024
O portal Proxector, unha iniciativa da USC (Servizo de Normalización Lingüística) e o Consello da Cultura Galega (Centro de Documentación Sociolingüística) para enriquecer a Rede con novos contidos divulgativos e investigadores na nosa lingua, celebra a conmemoración do XV Día da Ciencia en Galego, que este ano ten como eixo temático a astronomía.
Con este motivo, os responsábeis do portal lanzaron un especial (Unha ollada ao Universo no Día da Ciencia en Galego) que inclúe unha escolma de recursos que nos permiten achegarnos de xeito ameno aos enigmas que aínda agocha o Universo desde diferentes ópticas: a astrofísica, a astrofotografía, a exploración espacial, a observación astronómica ou a perspectiva de xénero.
Con este especial, Proxector súmase ás actividades desenvolvidas este mes de novembro pola Institución Galega da Ciencia (Igaciencia) convidando á comunidade educativa a celebrar o XV Día da Ciencia en Galego e poñendo o foco nun eido de estudo tan ambicioso e complexo coma fascinante: a astronomía. “Unha disciplina que actualmente non se cingue ao ámbito académico senón que esperta interese na sociedade en xeral, e así nolo demostra a crecente demanda dos destinos turísticos Starlight, escenarios con características especialmente propicias para a observación do firmamento que son considerados tamén parte do noso patrimonio natural, paisaxístico e cultural”, explican dende Proxector, dende o que se achegan 60 recursos para seguir profundando nestes temas.