O portal Proxector celebra o centenario do Seminario de Estudos Galegos

martes, 10 de outubro do 2023 S. P.

A USC (Servizo de Normalización Lingüística) e o Consello da Cultura Galega (Centro de Documentación Sociolingüística) achegan este mes de outubro novos contidos e novos formatos para o portal Proxector, iniciativa web habilitada coa finalidade de aproximarnos á divulgación e ao coñecemento investigador, ao tempo que se dinamiza o uso do galego nestes ámbitos. En concreto, o portal achegou un especial (Todas as ciencias ao servizo dunha cultura) abeirado ás conmemoracións arredor do centenario do Seminario de Estudos Galegos (SEG).
Nesta escolma de audiovisuais, explican dende o portal, “atoparemos a historia de tan transcendental entidade para o desenvolvemento da ciencia e o pensamento modernos en Galicia; traballos centrados en áreas específicas; biografías destacadas e estudos tan necesarios como os que se centran nas pioneiras”.
As presentacións do colectivo no seu conxunto complétanse cunha pequena selección de perfís biográficos dalgúns dos seus membros, exemplo do traballo multidisciplinario dun grupo de homes e mulleres que demostrou que en galego se chega a todas as ciencias, e que todas as ciencias caben dentro dunha cultura.
Proxector é un espazo web dedicado a compilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais de apoio á docencia en lingua galega no ensino medio, bacharelato e ensino universitario. Na actualidade, conta con 1328 materiais publicados de 33 áreas temáticas diferentes.
A iniciativa orixinal foi deseñada polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o CCG acordou asumir tamén a custodia dos datos recompilados ao longo destes anos e que, a partir de agora, estarán ao dispor da cidadanía no sitio web institucional.
Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados e o nivel de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Pódese acceder aos contidos a través da busca libre ou dos diferentes despregábeis, que permiten filtrar os resultados segundo os criterios de clasificación antes citados.

PUBLICIDADE