O portal Proxector conmemora o Día da Diversidade Biolóxica cun novo especial

martes, 12 de maio do 2026 S. P.

O vindeiro 22 de maio conmemórase o Día Internacional da Diversidade Biolóxica. Unha efeméride que centra a nova entrega do portal web Proxector, iniciativa de divulgación en galego que promove o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) coa Universidade de Santiago de Compostela (USC).
O portal conmemora a dita celebración do 22 de maio cunha ducia de vídeos que reflexionan sobre o concepto de diversidade ao tempo que convidan a coñecer mellor o patrimonio natural galego: Porta de Lobios, o Parque Natural das Illas Atlánticas de Galicia, a ribeira do río Mandeo, a contorna da Torre de Hércules ou as microrreservas de flora de Fisterra.
O especial arrinca cun vídeo do divulgador Xacobo de Toro titulado Que é un ecosistema? Ecosistemas: Biótopo e Biocenose no que define os elementos esenciais que compoñen un ecosistema.
Entre as propostas que se recollen nesta entrega, hai un audiovisual elaborado pola Deputación de Ourense que percorre o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, no concello de Lobios, unha zona na que conviven preto de 850 especies de plantas, representando practicamente a biodidiversidade completa do territorio galego.
O Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, conformado polos arquipélagos das Rías Baixas: Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada, centra dous vídeos: un sobre características xeográficas, morfolóxicas e biolóxicas e outro sobre o traballo de eliminación de especies invasoras e de recuperación de hábitats realizado neste Parque Nacional.
No especial inclúese un vídeo sobre o rico ecosistema que se crea nas charcas intermareais formadas en zonas rochosas; outro que amosa a rica diversidade biolóxica e lingüística que agocha o noso fondo mariño e outro sobre o Espazo Natural de Interese Local (ENIL) que conforma a contorna da Torre de Hércules.
Pechan esta entrega tres investigadores e investigadoras das universidades galegas: María Losada Cuquejo, bióloga e investigadora do grupo EcoPast da USC, explica como o abandono da agricultura tradicional e as mudanzas na xestión do monte galego foron factores determinantes na perda da biodiversidade en Galicia; Adolfo Cordero, catedrático de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo, sobre as orixes e o significado do concepto de biodiversidade, reflexionando sobre o seu impacto tanto na bioloxía como noutras áreas do coñecemento; e Cristina Piñeiro Corbeira, membro do grupo de investigación BioCost da Universidade da Coruña, aborda a desaparición dos bosques mariños de Galicia. 
Proxector: audiovisuais en galego para a docencia é como lembraremos un espazo web dedicado a recompilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega de diversas materias de bacharelato e de ensino universitario.