O portal Proxector pon o foco no cinema coincidindo co centenario da presentación do cinematógrafo

martes, 5 de marzo do 2024 S. P.

O cine, acción da ficción é o título do novo especial do portal divulgativo Proxector neste mes de marzo, especial adicado á sétima da arte e “en lembranza da presentación do cinematógrafo por estas mesmas datas en 1895, e tamén como escaparate do puxante cinema galego na actualidade”. Trátase de dez pezas audiovisuais que nos falan dos procesos técnicos e creativos, da accesibilidade, a dobraxe ou o poder da mensaxe, tamén a nivel científico.
O especial contextualízase en dúas datas clave: por unha banda, a do 28 de marzo de 1895, en París, cando os irmáns Lumière presentaron ao público o seu cinematógrafo; e nalgún punto de 1897, cando o aparello chega a Pontevedra, nunha xira que continuou por Vigo, Tui, A Coruña, Ferrol e Lugo. Engádese outro acontecemento histórico crucial: cando José Sellier mercou un aparello aos Lumière e non só comezou a exhibir cintas de forma estábel na Coruña, senón que produciu a que se considera a primeira filmación galega.
Inclúense vídeos divulgativos sobre o cinema galego dos anos 20 do século XX; sobre os procesos audiovisuais explicados polos directores Alfonso Zarauza e Jaione Camborda no marco do festival boirense Olloboi; sobre como facer cinema con baixos orzamentos; sobre a dobraxe en galego, explicada por diferentes profesionais neste ámbito impulsado pola Televisión de Galicia, nun vídeo elaborado por Nordesía; sobre a teoría do triplo corte; sobre subtitulado e accesibilidade creativa, nunha clase maxistral de Pablo Romero Fresco; sobre reescrituras literarias; sobre microbioloxía e cine (o caso da resistencia aos antibióticos); e sobre fluxos migratorios, realidade e ficción (unha reflexión sobre a representación das migracións nos audiovisuais).
Un portal referente na divulgación científica
Proxector é un espazo web dedicado a compilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais de apoio á docencia en lingua galega no ensino medio, bacharelato e ensino universitario. Na actualidade, conta con 1.544 materiais publicados dunha manchea de áreas temáticas diferentes.
A iniciativa orixinal foi deseñada polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o CCG acordou asumir tamén a custodia dos datos recompilados ao longo destes anos e que, a partir de agora, estarán ao dispor da cidadanía no sitio web institucional.
Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados e o nivel de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Pódese acceder aos contidos a través da busca libre ou dos diferentes despregábeis, que permiten filtrar os resultados segundo os criterios de clasificación antes citados.