O portal Proxector recompila unha ducia de vídeos sobre os residuos plásticos

martes, 6 de xuño do 2023 S. P.

O portal de divulgación Proxector, impulsado polo Consello da Cultura Galega (Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia) e a USC para achegar á mocidade contidos divulgativos e científicos en galego, achéganos este mes de xuño un novo especial sobre sustentabilidade e novos xeitos de producir. Un planeta sen plástico é o título da nova entrega de Proxector.
Nela, reúnense unha ducia de recursos audiovisuais nos que se analizan as consecuencias que os residuos plásticos teñen para o ecosistema e se propoñen algunhas solucións para revertelas.
Con este especial, o CCG súmase á conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente de 2023, que nesta edición ten como tema central a contaminación xerada polos plásticos.
Os informes da ONU alertan de que cada ano se producen no mundo máis de 400 millóns de toneladas de plástico dun só uso, dos cales entre 19 e 23 millóns rematan en lagos, ríos e mares e arredor de 11 millóns nos océanos. Porén, estas cifras “poderían triplicarse de aquí a 2040”, subliña a nova entrega de Proxector, que pon tamén o foco nos microplásticos. “Estímase que as persoas inxerimos máis de 50 000 partículas de plástico cada ano, e mesmo moitas máis se se teñen en conta as partículas inhaladas”, continúa.
Seguindo este fío, o especial de Proxector do mes de xuño escolma unha ducia de vídeos sobre os contaminantes plásticos. Explicar que son, as súas características e os seus principais inconvenientes é o obxectivo da peza divulgativa Química biolóxica ao rescate. Mentres, en Que lle pasa realmente ao plástico que tiras exemplifícase o ciclo de vida de tres botellas de plástico diferentes para amosar o perigo que teñen este tipo de produtos que a poboación desbota de xeito cotián. As consecuencias que o plástico ten para os ecosistemas é unha cuestión que se aborda en varias das pezas escolmadas: Os microplásticos, unha praga, Un mar de plástico, Pescadores de plásticos e Unha década recollendo lixo.
A nova entrega de Proxector tamén recompila algúns recursos nos que se ofrecen recomendacións e solucións para contribuír a minimizar os efectos da contaminación por plásticos: en Os tres erres: reducir, reutilizar, reciclar e en Un plan radical para rematar cos residuos plásticos.
Complementan o especial o recurso Identificación de plásticos mediante espectometría infravermella, arredor da utilidade desta técnica na clasificación dos plásticos reciclábeis que carecen de código PIC, e O nacemento do dereito ambiental, sobre como se creou esta nova rama do dereito para protexer o medio ambiente como un ben en si mesmo.

PUBLICIDADE