O portal Proxector regresa en setembro cunha entrega sobre paz e xustiza social

martes, 9 de setembro do 2025 S. P.

Xustiza social e cultura de paz é o título da nova entrega do portal divulgativo Proxector, iniciativa en lingua galega promovida polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) co apoio da Universidade de Santiago de Compostela (USC). O portal escolmou desta volta unha ducia de vídeos para conmemorar o Día Internacional da Paz, que a Asemblea Xeral das Nacións Unidas (ONU) celebra cada 21 de setembro.
A socioloxía, a educación, a filosofía ou a xeopolítica son algunhas das caras que se exploran nos diferentes contidos audiovisuais incluídos nesta entrega de Proxector. A escolma arrinca con dous traballos didácticos elaborados polo alumnado do IES Antón Alonso Ríos de Tomiño arredor dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), aprobados pola ONU en 2015 no marco da Axenda 2030. Outro par de vídeos afonda no significado da xustiza social e da equidade, e tamén hai producións que recollen o labor de distintos centros vinculados ás universidades galegas neste eido, por exemplo o ECOSOT da Universidade de Vigo e o Centro de Estudos de Seguridade (CESEG) da Universidade de Santiago.
Completa esta entrega un vídeo sobre o Seminario Galego de Educación para a Paz, creado en 1985, que continúa a elaborar materiais didácticos neste ámbito; e unha charla TED impartida por Ellen Johnson Sirleaf, primeira muller presidenta dunha nación africana e gañadora do Premio Nobel da Paz. O especial péchase cun vídeo divulgativo que reflexiona sobre que sucedería se se detonasen, de xeito simultáneo, todas as bombas nucleares existentes na Terra (arredor de 15.000).
Proxector
Proxector: audiovisuais en galego para a docencia é un espazo web dedicado a recompilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega de diversas materias de bacharelato e de ensino universitario.
O proxecto orixinal foi deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o CCG acordou asumir tamén a custodia dos datos recompilados ao longo destes anos e que, a partir de agora, estarán ao dispor da cidadanía no sitio web institucional.