O portal Proxector supera os 2.000 recursos educativos cunha entrega sobre arqueoloxía

martes, 10 de xuño do 2025 S. P.

O portal galego Proxecto superou os 2.000 recursos audiovisuais de divulgación en galego. Fíxoo co especial Arqueoloxía: un bo plan para coñecer Galicia este verán, a nova entrega desta canle en liña de difusión científica e investigadora na nosa lingua impulsada polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) co apoio da Universidade de Santiago (USC).
A nova entrega de Proxector escolma unha ducia de vídeos que nos falan de oito xacementos e proxectos arqueolóxicos que existen en Galicia. No primeiro dos vídeos, os investigadores Eduardo Méndez Quintas (Universidade de Vigo) e Arturo Lombera Hermida (Universidade de Santiago de Compostela) abordan o traballo arqueolóxico a través dos xacementos nos que traballan, así coma dos lugares onde se expoñen os seus achados.
Outro, premiado no I Festival de Curtametraxes sobre o Patrimonio Arqueolóxico da Provincia de Pontevedra Telearqueoloxía 2016, fala do xacemento da Lanzada (Sanxenxo).
A Domus do Mitreo, en Lugo, centra outro dos recursos nos que afonda sobre a estrutura e a función das diferentes estancias da casa romana do período altoimperial.
Nesta entrega inclúese un documental dirixido por Marcos Nine que describe o sitio arqueolóxico da Estación da Ferradura, nos Chaos de Amoeiro (Ourense), unha zona con restos de altísimo valor, con petróglifos podomorfos, outros con forma de serpes, cazoletas... e para os que os investigadores apuntan usos astronómicos e rituais.
O percorrido continúa no castelo da Rocha Forte, en Santiago de Compostela, cunha fortaleza medieval que dá testemuño do poder militar e económico nesa altura do arcebispo compostelán.
O castro de Castañoso (A Fonsagrada), o xacemento do Cano dos Mouros (Oia), o proxecto arqueolóxico de San Lourenzo (A Pobra do Brollón) e o Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro (Pontevedra) completan a entrega deste mes.
O especial pecha cunha entrevista a Celtia Rodríguez González que fala de arqueoloxía de xénero e da súa aplicación na actualidade; das ferramentas e metodoloxías de traballo empregadas nos diferentes xacementos; do proxecto Sputnik Labrego ou da situación laboral dos profesionais da arqueoloxía en Galicia.
Proxector
Proxector: audiovisuais en galego para a docencia é un espazo web dedicado a recompilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais en lingua galega e de diversas materias de bacharelato e de ensino universitario.
O proxecto orixinal foi deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos.
Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados e o nivel de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Pódese acceder aos contidos a través da busca libre ou dos diferentes despregables, que permiten filtrar os resultados segundo os criterios de clasificación antes citados.