O portal Proxector supera os 2.000 vídeos compilados e catalogados
luns, 25 de agosto do 2025
A USC vén de facer balance da actividade xerada polo portal Proxector: audiovisuais en galego para a docencia, espazo web dedicado a compilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega de diversas materias de bacharelato e de ensino universitario. Esta iniciativa, froito da sinerxía entre o Servizo de Normalización Lingüística da USC e o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia do Consello da Cultura Galega (CCG), acaba de superar os 2.000 vídeos compilados e catalogados.
O proxecto orixinal foi deseñado no seo da USC e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018, o CCG súmase á iniciativa e comeza a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados, e o nivel de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores, a web ofrece unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso.
“Podes acceder aos contidos a través da busca libre e/ou os diferentes despregables que che permitirán filtrar os resultados segundo os criterios de clasificación antes citados”, explican os impulsores da iniciativa, engadindo que Proxector é un catálogo aberto e en continua actualización, de aí que se nutra coas contribucións da comunidade internauta, que pode facer suxestións e recomendacións de toda índole a través do correo servizo.normalizacion@usc.gal.
Lembrar que o traballo de actualización e xeración de novo contido en Proxector desenvólvese en dúas liñas. Por unha banda, a incorporación case continua de novos recursos audiovisuais, e pola outra, a elaboración de Especiais, compilacións temáticas que aproveitan algunha efeméride ou acontecemento de relevancia científica como por exemplo Arqueoloxía, un bo plan para coñecer Galicia este verán, o último monográfico publicado.
