O portal Twin Shoes preséntase en Compostela nunha festa con máis de 200 asistentes

xoves, 20 de outubro do 2011 Fernando Sarasketa

Tal e como anunciamos os días pasados, Santiago íase converter esta semana na palestra para dar a coñecer, a nivel xeral e onde está a xente, un dos proxectos galardoados na pasada edición dos Premios INNOVA-G de AGESTIC. Falamos de Twin Shoes, portal galego para a busca de amizade e parella estable que se deu a coñecer finalmente no Bar Deluxe de Compostela, nunha multitudinaria festa desenvolvida baixo un lema que fala por si só, da festa e máis da web: Enlázate al amor. A web, que xorde coa intención de axudar ás persoas ceibes a atopar compañeiro/a, vén da man de Itziar Villar, promotora e directora dun proxecto, Twin Shoes, que precisou “de máis de dous anos de duro traballo e esforzo”.
Así o fixo saber no transcurso da presentación da iniciativa, perante máis de dous centenares de asistentes, aos que puxo ao tanto, tamén, das principais novidades que pon en xogo este portal, “o primeiro dos creados en España integramente con capital galego”. Ao seu xuízo, a web é unha nova opción de crear oportunidades para atopar “o zapato xemelgo co que compartir o camiño da vida”.
Entre outras cousas, explicou que Twin Shoes inclúe un test de afinidade personalizábel, baseado en valores en proxectos vitais, que ten o obxectivo de axudar a crearmos, na web, a nosa propia porcentaxe de afinidade. Isto vén a conto porque estes gustos e tendencias en común son puntos clave para lograr que unha parella se manteña no tempo, de xeito feliz e enriquecedor, subliñou Itziar. “Grazas a esta porcentaxe, o buscador recomendará o perfil máis compatible para o usuario, aumentando deste xeito a probabilidade de éxito; ademais, os usuarios premium terán ao seu alcance a plataforma de atención ao cliente dirixida por psicólogos e máis un servizo de organización de citas”, engadiu. Twin Shoes, con toda a súa feitura innovadora, non é un proxecto novo. De feito, xa operaba a nivel blog, a través de blog.twinshoes.es e dende o mes de febreiro, tempo no que xa acadou a cifra nada desprezábel de 10.000 visitas de case 60 países.

PUBLICIDADE