O porto de Ferrol será pioneiro no uso de dixitalización e IA para a xeración de enerxía verde
mércores, 24 de xaneiro do 2024
O porto de Ferrol porase na vangarda da transformación de contornas de transporte a nivel internacional. Farao cun proxecto que lle permitirá demostrar como a dixitalización e a Intelixencia Artificial (IA) permiten aos portos converterse en plataformas de xeración de enerxía verde a prezos competitivos e en laboratorios de innovación en enerxías renovábeis. Será no marco da iniciativa ENEPORTS, un consorcio europeo liderado polo Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) que busca mostrar “o papel esencial da dixitalización na descarbonización dos portos e no consumo e xeración eficiente de enerxías de fontes sustentábeis”.
O proxecto ENEPORTS foi presentado na mañá deste 24 de xaneiro no porto de Ferrol. Segundo se fixo saber, impulsará a creación de tres proxectos piloto; ademais do de Ferrol, nas dársenas de Granadilla (Tenerife) e de Leixões (Porto). Así, nos tres anos de duración desta iniciativa, deseñaranse, probaranse en laboratorio e poñeranse en funcionamento tres plataformas dixitais intelixentes que permitirán xestionar novas fontes de enerxía renovábeis e consumo nos tres portos, o que permitirá evitar cada ano, segundo se fixo saber, a emisión á atmosfera de máis de 72.250 toneladas de CO2 (equiparábel ás emisións anuais de 16.800 persoas), contribuíndo á limpeza do aire nas zonas urbanas de Ferrol, sur de Tenerife e Porto.
En concreto en Ferrol, espérase a instalación en Ferrol de enerxía eólica terrestre e fotovoltaica con capacidade de producir máis de 43 GWh/ano, enerxía necesaria para alimentar máis de 4.300 fogares galegos. Pola súa banda, en Leixões, ademais destas tecnoloxías engadirase un prototipo de enerxía de ondas, e a suma das tres xerará máis de 20 GWh anuais, equivalentes a alimentar máis de 6.100 fogares portugueses. En Granadilla aproveitarase principalmente o recurso da eólica mariña e as ondas para producir máis de 200 GWh ao ano, que poderían alimentar a máis de 21.700 fogares tinerfeños. En total, os portos de Ferrol, Granadilla e Leixões prevén a instalación de máis de 70 megawatts ata 2030.
A iniciativa tamén promove a innovación en novas tecnoloxías renovábeis, ao estudar a viabilidade de utilizar en portos dispositivos que combinan nunha plataforma a xeración de enerxía fotovoltaica, hidráulica e a xerada a través da tensión dos cabos de amarre. Ademais, estuda como mellorar o control con técnicas de aprendizaxe automática. “Todo iso permitiralles aos tres portos alcanzar a neutralidade en carbono ao redor de 2035”, informouse na presentación, na que se engadiu que as autoridades portuarias de Ferrol, Tenerife e Leixões, xunto aos centros participantes da iniciativa, xa iniciaron o estudo dos requisitos administrativos e tecnolóxicos para crear estes novos ecosistemas enerxéticos nas súas áreas, así como a avaliación dos seus impactos económicos, sociais, ambientais e tecnolóxicos.
ENEPORTS conta cun orzamento de máis de 2,8 millóns de euros, financiados en parte pola convocatoria de Interreg Atlantic Area, e nel participan, ademais de ITG, a Autoridade Portuaria de Ferrol, de Tenerife, Leixões (Portugal) e Galway (Irlanda); así como a Universidade de Galway, Builders École d’Ingénieurs e o Instituto Tecnológico y de Energías Renovables de Tenerife.
O proxecto de Ferrol
O piloto ferrolán baséase no desenvolvemento dunha plataforma intelixente para a monitoraxe e xestión da enerxía. A despregadura na cidade galega apoiarase en algoritmos preditivos, xemelgos dixitais, tecnoloxías da aprendizaxe-máquina e ferramentas avanzadas de análises para controlar de xeito eficiente os fluxos enerxéticos e as regras de mercado interno de enerxía, mentres se aseguran a interoperabilidade e a ciberseguridade.
Parte da novidade do proxecto reside na creación de metodoloxías replicábeis para as autoridades portuarias no referente á implicación de industrias e administracións; á avaliación dos impactos económicos, ambientais, sociais e tecnolóxicos dos sistemas híbridos; e ao aumento da concienciación sobre os beneficios e a aceptación social dos portos verdes.