O posicionamento, Instagram e os contidos de mercadotecnia centran tres novos obradoiros de SmartPeme+

luns, 14 de abril do 2025 S. P.

A Deputación de Pontevedra organiza esta Semana Santa tres novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+. As accións, todas elas en formato telemático e con inscrición previa, celebraranse entre o luns 14 e o mércores 16 de abril e afondarán en cuestións de interese para o tecido empresarial da provincia como son o posicionamento (SEO) en buscadores, o contido estratéxico para Instagram e a mercadotecnia (marketing) de contidos.
Este luns 14 ás 12:00 horas celebrarase o obradoiro telemático SEO para e-commerce. Posiciona a túa tenda en liña en Google. A acción, coordinada polo punto SmartPeme+ do Porriño, afonda nas técnicas de posicionamento en buscadores que axudan a mostrarse ao público obxectivo do comercio, coa finalidade de poder satisfacer as necesidades ou desexos cos produtos ofrecidos. Será impartido por Esther Garcinuño, Diplomada en Ciencias Empresariais, coa especialidade de marketing e dirección comercial, e enxeñeira técnica en Informática de Xestión, con preto dunha década de experiencia en deseño, desenvolvemento e dirección de proxectos web. As inscricións pódense realizar no formulario habilitado.
O martes 15 ás 12:00 horas celebrarase tamén en formato telemático o obradoiro Crea contido estratéxico para o teu Instagram, coordinado pola oficina de Lalín. Os participantes aprenderán a crear contido visual atractivo para Instagram utilizando imaxes e deseños de impacto. Na acción explorarán que é o contido estático e como aproveitalo dentro da plataforma, aprenderán a empregar ferramentas como Snapseed e Canva para edición e deseño e a publicar estratexicamente para mellorar a presenza da súa marca. As inscricións para esta acción, impartida por Lara Taboada, titulada superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico, con experiencia en fotografía de produto e composición fotográfica creativa, poden realizarse no formulario xa dispoñíbel.
Por último, o mércores 16 a partir das 11:00 horas a oficina de Ponteareas coordina o obradoiro telemático Marketing de contidos: como xerar unha estratexia efectiva. Este curso permitirá que as empresas cheguen á súa audiencia potencial dun xeito intelixente e emotivo para diferenciarse do resto ofrecendo contido interesante e valioso co que se sinta identificada e xerando empatía. As inscricións poden realizarse no formulario habilitado xa e será impartido por Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas e posgraduada en Dirección de Comunicación Corporativa.
A Deputación destina este ano 1,45 millóns de euros á Rede SmartPeme+ e Acelera Peme Rural para asesorar persoas emprendedoras desde as oficinas de Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo. Desde esta rede lévanse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a ata 2500 emprendedores, autónomos e pemes ao ano e impartindo arredor de 200 obradoiros formativos e actividades complementarias.