O potencial das TIC para transformar o turismo, en Lugo no I Congreso de Turismo Experiencial

venres, 11 de setembro do 2020 S. P.

Lugo será a primeira cidade española en acoller o Congreso Nacional de Turismo Experiencial, onde se reunirán máis de 50 expertos en turismo e nas novas ferramentas que o transforman, que fan que o sector rompa barreiras e que facilitan as experiencias dos viaxeiros. O evento, co-impulsado pola Deputación, celebrarase os días 16, 17 e 18 de setembro no Pazo Provincial de San Marcos, sede da dita entidade lucense. Asemade, as sesións desenvolveranse por streaming. O obxectivo é ofrecer recursos e coñecemento para que sexa máis doado crear empresas novas no sector e fortalecer as xa existentes, e todo a través dunha fórmula infalíbel: a de apostar de cheo polo innovador, o seguro e o sustentábel.
A xornada de inauguración oficial abrirase coa intervención das diferentes autoridades e posteriormente haberá un saúdo dos conselleiros e representantes de cada Comunidade Autónoma, facendo un balance económico de xaneiro a setembro e lanzando unha mensaxe ao sector para mobilizalo arredor das ideas transformadoras e das experiencias que renoven o noso xeito de facer turismo.
Baixo a lema Turismo e Cultura como eixos do Emprendemento Sustentábel, o congreso celebrarase na sede da Deputación cun formato híbrido, con modalidade presencial e online. No seu transcurso reunirá máis de 50 relatores, personalidades e profesionais de referencia polo seu coñecemento no sector. Durante as súas intervencións e a súa participación nas mesas redondas e os workshops compartirán cos asistentes “a esencia do turismo experiencial” e as súas diferentes posibilidades como motor para o enriquecemento cultural e económico local.
Durante o evento darase visibilidade ás solicitudes das diferentes plataformas do sectores da cultura, o turismo, os eventos, os espectáculos e o lecer nocturno. O congreso está focalizado en 7 bloques temáticos de actualidade e importancia dentro do ámbito turístico, que se desenvolverán durante as mesas e relatorios dos dous primeiros días do congreso. Ademais realizaranse dúas demostracións-obradoiros e, a terceira xornada, contarase con dúas actividades de formación experiencial en destino (A Mariña Lucense e Ribeira Sacra).
Respecto do formato virtual, o transmitido en streaming terá programación propia, contando con vídeos promocionais das diferentes Comunidades Autónomas, entrevistas e concursos, amenizando os descansos. Todos estes contidos retransmitiranse en directo os días 16 e 17, e a xornada do día 18 xunto con LugoExperience, será retransmitida en directo tras o remate do congreso o día 30 de setembro en formato webinar. “Grazas a esta modalidade en liña”, informou a organización, “o congreso conta xa cun gran número de inscritos procedentes doutros países de fala hispana e de Europa, adquirindo unha repercusión internacional”.
LugoExperience, o 19 e 20 de setembro
Como extensión ao congreso, a fin de semana do 19 e 20 de setembro celebrarase o evento LugoExperience, un escaparate das actividades experienciais da provincia. Durante dous días, tanto os asistentes ao congreso como todos aqueles que “busquen vivir unha experiencia única”, poderán gozar dos múltiples atractivos da cidade amurallada e da súa contorna. Trátase, en palabras da organización, “dunha oportunidade para coñecer de preto a gran riqueza patrimonial, cultural e gastronómica da provincia, colaborando co comercio local mediante esta iniciativa de turismo sustentábel”. Para máis información, cómpre visitar a web específica de LugoExperience.

PUBLICIDADE