O prazo de inscrición do campamento tecnolóxico para a rapazada Aldaba-TIC remata este 24 de maio
xoves, 21 de maio do 2026
O Campus de Elviña (UDC) e o de Ourense (UVigo) acollerán este mes de xuño unha nova edición do campamento tecnolóxico de verán destinado á rapazada Aldaba-TIC Camp. O seu obxectivo é “espertar vocacións tecnolóxicas en mozas e mozos en idades temperás, darlles a coñecer o mundo TIC e axudarlles a desenvolver habilidades técnicas dun xeito divertido”. O período para solicitar unha praza está aberto ata este 24 de maio.
A actividade está organizada pola Cátedra Aldaba WIB: Women, ICT & Business, iniciativa das universidades de Vigo e A Coruña e da empresa Aldaba.
No caso do Campus de Ourense, celebrarase na Escola Superior de Enxeñaría Informática (ETSE) do Campus de Ourense do 22 ao 26 de xuño.
No caso da Facultade de Informática da UDC (Campus de Elviña) o campamento desenvolverase en dúas quendas: do 22 ao 26 de xuño (agás o 24 de xuño, por ser festivo) e do 29 de xuño ao 3 de xullo.
O horario nas dúas sedes será de 9:00 a 14:00 horas, con servizos opcionais de madrugadores e comedor.
O campamento está destinado a nenas e nenos de 6 a 12 anos “con interese pola tecnoloxía e ganas de explorar todo o que pode ofrecer”. Baixo o lema Aventura STEM: Viaxe no Tempo, “cada participante mergullarase nunha experiencia educativa na que historia e innovación xúntanse para resolver retos do pasado con ferramentas do futuro”. A través dunha metodoloxía lúdica e práctica, “o alumnado explorará áreas clave do ecosistema dixital actual: drones, robótica, deseño e impresión 3D, programación, IA e ciberseguridade”.
O campamento sigue unha metodoloxía activa que busca o desenvolvemento dunha serie de competencias en cada participante, concretamente as competencias dixitais, a competencia en matemáticas en ciencia, tecnoloxía e enxeñaría, aprender a aprender e sentido da iniciativa e espírito emprendedor.
A idea, indican desde a organización, é“que o alumnado que participe non só adquira competencias técnicas, senón que tamén forxe novas amizades nunha contorna colaborativa e creativa. “É unha opción ideal para seguir aprendendo dunha forma diferente durante os meses de verán”, sinalan.
Seguindo o compromiso da Cátedra Aldaba WIB de reducir a fenda de xénero no sector tecnolóxico, o 80% das prazas deste campamento están reservadas para alumnas. “Con esta medida, búscase incentivar activamente o interese das nenas polas disciplinas STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) desde idades temperás, facilitando un acceso equitativo a esas profesións”, comentan desde a actividade. A tarifa total (madrugadores e comedor excluídos) é de 99 euros (susceptible de ser parcialmente subvencionado).
A Cátedra Aldaba-WIB foi creada en 2019 pola UDC, a UVigo e a firma Aldaba co obxectivo de promover a colaboración entre universidade e empresa para avanzar cara a un sector tecnolóxico máis igualitario e humano. Entre as súas principais liñas de actuación destacan o impulso do talento feminino nas TIC e o apoio ao estudantado para facilitar a súa inserción laboral.
