O prazo para presentar imaxes no Concurso de Fotografía das Reservas da Biosfera, aberto até o 17

xoves, 9 de setembro do 2021 S. P.

A Deputación de Lugo lembrou este 9 de setembro que o prazo para presentarmos imaxes ao Concurso de Fotografía das Reservas da Biosfera (sétima edición) fica aberto até o día 17. Ao abeiro deste certame, a entidade provincial premiará tres fotografías, elixidas por un xurado usando criterios de composición, orixinalidade e calidade estética, cun recoñecemento en metálico de 800, 500 e 300 euros, respectivamente. As imaxes admitidas serán visualizadas nunha exposición virtual, seguindo a mesma liña da exposición que exhibe as fotografías da convocatoria previa.
Este ano, o fío condutor do certame é Sendeiros das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, que busca promover as actividades de lecer ao aire libre e coñecer a riqueza do patrimonio natural e cultural da provincia-
A temática desta nova edición busca promover as actividades de lecer en espazos abertos, centrándose nos sendeiros cos que contan estes territorios da provincia e descubrir a riqueza do patrimonio natural e cultural da provincia.
As persoas interesadas poden entregar unha única imaxe por persoa, que non fose premiada en edicións anteriores. Debe presentarse no Rexistro Provincial do Pazo de San Marcos, ou ben, remitila por correo postal certificado. As fotografías presentadas deberán facerse no territorio da Reserva da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e presentarse en formato dixital nun CD e unha copia en papel fotográfico, todo dentro dun sobre con datos persoais, título da obra e o nome do lugar onde se realizou a foto. As bases completas poden consultarse na web do organismo provincial .
Exposición do VI Concurso Fotográfico
Na actualidade, a páxina web da Deputación de Lugo inclúe unha exposición virtual coas trinta instantáneas admitidas no VI Concurso de Fotografía das Reservas da Biosferas Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. Esta edición tivo como fío condutor as nosas árbores. A exposición completa pode verse na web de Medio Ambiente da institución provincial.

PUBLICIDADE