O prazo para presentar proxectos para rehabilitar a nave 2 da Cidade das TIC remata o día 5

mércores, 22 de setembro do 2021 S. P.

O Clúster TIC informou de que prazo para que as empresas presenten os seus proxectos para a rehabilitación da nave 2 da Cidade das TIC (a antiga Fábrica de Armas da Coruña) está na súa recta final, estando fixado o seu remate para o vindeiro 5 de outubro. A obra, que conta cun orzamento de 4,3 millóns de euros e un prazo de execución de 9 meses, está previsto que comece en novembro de este ano e permitirá que o CSA (Centro de Servizos Avanzados) entre en funcionamento en setembro de 2022.
A encargada de resolver o proceso será unha comisión de selección integrada pola Sociedade do CSA que lideran o Clúster e a Universidade da Coruña. Para a adxudicación valoraranse criterios como o persoal adscrito, o informe de coñecemento do proxecto, a oferta económica ou o prazo de execución, aos que se lles atribúe unha ponderación específica. Así mesmo, nos pregos do concurso establécense distintas obrigas en materia medioambiental, social, laboral e de transparencia que os candidatos deberán cumprir, entre outras cuestións.
En canto ás naves adicionais, a súa apertura prevese no segundo semestre de 2022, aínda que a data concreta confirmarase o 30 de outubro deste ano.
Na rehabilitación integral do CSA preténdese “manter o valor patrimonial do edificio e reducir, ao mesmo tempo, o consumo de enerxía que implicarán as accións de derrubamento e a xeración de cascallos”.
A eficiencia enerxética e a sostibilidade serán claves tamén no futuro Centro de Servizos Avanzados. “Deste xeito”, informa o Clúster, “para evitar o aumento da temperatura que xerarán o amplo volume de equipos e persoal presentes no edificio, instalarase un sistema de activación da estrutura que garantirá un nivel de calor estándar durante todo o ano duns 22 graos”. Así mesmo, engade a plataforma, “realizarase unha renovación constante do aire e establecerase un sistema de instalación de consumo enerxético reducido, con luces LED e fontes de auga para eludir o consumo de auga mineral embotellada”.
Primeiras arrendatarias
As primeiras empresas en instalarse nas oficinas do CSA serán IMATIA, cinfo, ITG, Xoia, Enxenio e ODEENE. Por outra banda, Tokiota, Dataspartan e Soslife7 formarán parte do espazo de traballo colaborativo (coworking) e Itelsis instalarase no Laboratorio de Dispositivos Intelixentes, mentres que Denodo ocupará a primeira nave adicional.
As entidades ás que non se lles asignou espazo na resolución de empresas que ocuparán o CSA, integraranse nas naves 3, 4 e 5 adicionais a acondicionar, conservándoselles a posición e puntuación conseguidas neste proceso.
Punto de encontro
O Clúster TIC e a UDC queren ademais que o CSA sexa un espazo onde todos os elementos estean dispostos para xerar intercambio de coñecemento e recursos, e onde as nosas empresas, organizacións, entidades e profesionais poidan xerar e compartir talento e competitividade. Terá unha capacidade aproximada de 5.000 metros cadrados nas súas diferentes plantas, repartidos entre oficinas (2.627 m2) e 2.069 m2 nos que se situarán catro laboratorios de innovación, sala de demostracións (showroom), aulas e zonas comúns (cafetería, coworking, área de descanso, etc.), e nos que destacará unha estrutura de madeira, de máis de 400 m2, que reforzará o baleiro da nave central. “Estes espazos contarán cun deseño de libre compartimentación, tamén chamados espazos acordeón, que permitirán aumentar e reducir os ambientes en función das necesidades”, explicaron fontes do Clúster, engadindo que o Centro de Servizos Avanzados “será un lugar de encontro entre clientes e provedores de solucións TIC enfocado a facilitar o uso compartido de tecnoloxías e a definición de proxectos”. Está integrado no Hub Dihgigal, liderado polo Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (CEAGA), o Clúster Alimentario de Galicia ACLUNAGA e o Clúster TIC Galicia.
Este primeiro edificio formará parte dos 127.000 m2 da antiga Fábrica de Armas na que se instalará a Cidade das TIC, un parque tecnolóxico no que a Xunta de Galicia comprometeu 4,82 millóns de euros, ademais da inclusión do proxecto entre os candidatos para optar aos fondos Next Generation por unha contía de 55 millóns de euros.
Toda a información relativa á licitación das obras do CSA pode consultarse na páxina web do proxecto.

PUBLICIDADE