O prazo para que os concellos de Pontevedra participen en +Reto Dixital fica aberto até o luns
mércores, 26 de marzo do 2025
A Deputación de Pontevedra mantén aberto até o luns 31 de marzo o prazo para que os concellos de reto demográfico da provincia soliciten os obradoiros do novo programa +Reto Dixital.
Ao abeiro desta iniciativa e co obxectivo de formar e capacitar as persoas maiores de 50 anos en competencias dixitais e un orzamento de preto de 30.000 euros, a Deputación organizará preto de 70 accións para facilitarlles a súa relación coas administracións públicas, asà como a súa alfabetización dixital en calquera ámbito da súa vida cotiá.
Os 68 obradoiros estarán divididos en cinco temáticas: Administración Electrónica, a sede electrónica da Deputación e do Concello, SERGAS, a súa aplicación electrónica e TELEA, uso da banca móbil e as compras electrónicas e, finalmente, redes sociais.
Poderán optar a eles 34 concellos da provincia, todos os recoñecidos como de reto demográfico coa excepción de Forcarei, A Illa de Arousa, Moraña e As Neves por xa se ter desenvolvido neles o proxecto piloto Hub para a loita contra a fenda dixital e a soidade non desexada no medio rural, entre os anos 2022 e 2024. As actividades deberanse realizar entre xuño e decembro de 2025, cun alumnado de entre oito e 15 persoas e os cursos, de cinco horas de duración, terán un custo de cinco euros por persoa e cada concello poderá acoller un total de dous.
O programa +Reto Dixital xorde dun contexto no que a dixitalización de numerosos servizos e xestións da vida cotiá provoca unha fenda dixital entre xeracións e colectivos sociais que non deixa de medrar. Isto ten unha especial incidencia no medio rural, debido á súa menor densidade de poboación e a que esta está cada vez máis envellecida.