Un premio recoñecerá as mellores iniciativas de innovación social dixital da Rede CeMIT

xoves, 26 de outubro do 2017 Redacción

A AMTEGA abre hoxe a convocatoria da I edición dos premios Son Dixital, á que poderán presentarse todos os proxectos de Innovación Social Dixital desenvolvidos desde as aulas CeMIT e a súa rede de entidades aliadas durante as tres edicións do proxecto CeMIT-Innova.
O Premio Son Dixital busca recoñecer ás persoas e entidades implicadas nas iniciativas que se desenvolveron nestes tres últimos anos e o traballo das entidades colaboradoras do mesmo, concellos, aulas CeMIT, voluntariado, asociacións e empresas. Ademais dun gañador o premio contará con ata dous accésit.
Os participantes nos proxectos de innovación social dixital poderán presentar candidatos ao premio desde hoxe, 26 de outubro, ata o 10 de novembro do 2017, a través dun formulario publicado na web do proxecto. Neste formulario recollerase información tanto da persoa ou entidade candidata ao premio, responsable dun proxecto que, grazas á tecnoloxía, conseguiu mellorar a súa vida, como da propia iniciativa.
O día 16 de novembro de 2017 fallarase o premio e comunicarase o fallo ao gañador ou gañadores. Ademais do recoñecemento, os premiados obterán tamén dispositivo tecnolóxico, achegado pola empresa colaboradora do programa CeMIT-Innova Primux Trading.

PUBLICIDADE