O presente e futuro da computación cuántica centra unhas xornadas na ESEI
mércores, 10 de setembro do 2025
A Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense acolleu a xornada Computación Cuántica: Presente ou Futuro?, organizada por Google Developer Group Ourense co apoio desta escola. Contouse cun centenar de participantes.
A actividade presentouse, en palabras dos organizadores, como “unha ocasión incomparable para explorar a vasta e enigmática esfera do fascinante ámbito da computación cuántica e as súas aplicacións potenciais, que poderían revolucionar a tecnoloxía tal e como a coñecemos”.
Ademais, o evento foi deseñado especialmente “para aqueles que desexan mergullarse en tecnoloxías emerxentes e establecer contactos valiosos con persoas igualmente apaixonadas por estes temas”, ofrecendo a oportunidade de participar en debates interactivos e obradoiros prácticos deseñados para fomentar a aprendizaxe e a colaboración.
O número de persoas inscritas ascendeu a un centenar, sobre todo alumnado dos graos de Enxeñaría Informática e Intelixencia Artificial que se imparten na ESEI pero tamén alumnado de posgrao, profesionais e outras persoas interesadas.
A sesión de apertura, en horario de mañá e tarde, correu a cargo de Javier Mas Solé, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela coordinador do programa TalentQ do proyecto Quantum Spain, e David Olivieri, profesor da Universidade de Vigo. Ademais, no seu arranque contou coa participación de Arno Formella, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática, e de membros da organización do evento.
A sesión arrancou cunha introdución aos principios básicos da programación cuántica, detallando os conceptos fundamentais de superposición, entrelazamento e decoherencia. De seguido realizouse unha análise detallada da estado da arte do hardware cuántico, incluíndo os novos desenvolvementos que chaman a atención da comunidade investigadora internacional. Ademais, o público asistente tivo “unha oportunidade única para interactuar directamente co QMIO, o ordenador cuántico actual situado no prestixioso CESGA”.
Respecto do quantum machine learning, a aprendizaxe automática cuántica (o estudo de algoritmos cuánticos que resolven tarefas de aprendizaxe automática) as persoas participantes achegáronse tanto á súa evolución teórica como ás súas novas aplicacións prácticas e á linguaxe de modelado Qt coa idea de obter “unha perspectiva integral sobre como estas innovacións están a remodelar o futuro de eidos vangardistas como a Intelixencia Artificial e a Computación Cuántica”. Ademais, na xornada discutiuse en profundidade a posibilidade de que poida converxer coa IA xeral, “un tema que suscita debates apaixonados entre os expertos”, tal e como indican desde a organización do evento.
A organización da actividade correu a cargo de membros do Google Developer Group Ourense: Rubén Fernández, Manuel Alonso, Lorena Otero e Javier Pérez (membros da Universidade de Vigo); Cesáreo González (ViewNext), Brais Fontán (CTAG) e David Asensio.
