O presidente da Xunta avoga polas vocacións científico-tecnolóxicas

venres, 16 de marzo do 2018 Redacción

Durante a inauguración da xornada La era tecnológica: un desafío para las empresas y sus líderes, Alberto Núñez Feijoo avogou por seguir impulsando e apoiando as vocacións científico-tecnolóxicas para acadar a plena incorporación da economía galega á revolución dixital. «É necesario que as institucións e as empresas sigamos confiando e apoiando o talento galego», dixo tras incidir en que aplicar ás empresas os avances da era dixital serve: para captar máis investimentos, para optimizar os procesos e para aumentar as vendas.
Neste sentido, recordou que, segundo o informe avaliado onte no Consello da Xunta sobre o impacto das tecnoloxías 4.0 no sector produtivo galego, mentres no eido da automoción hai unha implantación moi importante das tecnoloxías 4.0, no resto de sectores un 40% das empresas galegas as están empregando, o que significa que aínda queda moito traballo por diante.

Fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre as mulleres

Ao longo do acto, Feijoo referiuse tamén ao reto de aumentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre as mulleres, para o que lembrou que nos últimos catro anos, por exemplo, se duplicou a taxa de participación das mulleres nas axudas da Xunta destinadas á innovación, pasando do 27% en 2013 ao 53% en 2017. Ao que engadiu que o apoio da Administración autonómica á igualdade na I+D+i se plasma, ademais, en documentos como o Plan galego de muller e ciencia, en vigor desde 2016; e no impulso a programas de referencia internacional como Innopharma, para o desenvolvemento temperán de fármacos, e un proxecto sobre nanomedicina contra o cancro metastásico, liderados por Mabel Loza e María José Alonso, respectivamente.
Así mesmo, o presidente da Xunta subliñou que este esforzo non o está liderando en solitario o Goberno galego, ao contar co compromiso das universidades e das empresas. Non en van o 47% das persoas que traballan en I+D+i nas universidades son mulleres (por riba da media nacional); “e, aínda que a porcentaxe segue sendo menos do que nos gustaría, hoxe, hai un 36% máis de mulleres traballando en innovación nas e empresas que hai unha década”.
O responsable do Goberno galego valorou as moitas iniciativas que están a brotar da comunidade escolar e universitaria galega para impulsar as vocacións STEM entre as mozas galegas como: Estalmat Galicia, un proxecto que leva xa dez anos impulsando os talentos matemáticos entre nenas e nenos de 12 e 13 anos, amosándolles desde as idades máis temperás que na súa vocación non debe haber diferenzas de xénero. E, coa iniciativa Donas do código, alumnas e alumnos de 6º de primaria do colexio de Laredo, en Redondela, investigaron e deron a coñecer as figuras de nove mulleres de referencia nos ámbitos da ciencia e a tecnoloxía.
Ao fío disto, expresou tamén a necesidade de que as mozas con vocación científica coñezan ás mulleres que viñeron antes e lles abriron o camiño. E, con este fin, recordou o premio María Wonenburguer.

PUBLICIDADE