O presidente da Xunta inaugura UNVEX 2021 este mércores en Santiago
martes, 6 de xullo do 2021
O
presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, inaugurará
este 7 de xullo na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela a
sexta edición de UNVEX, evento
de referencia estatal e internacional no ámbito do vehículos aéreos
non tripulados e as tecnoloxías de control, monitoraxe e análise da
información que os acompañan. En UNVEX participarán unha chea de
empresas internacionais, estatais e galegas (como por exemplo Marine
Instruments, o Centro Tecnolóxico Gradiant, Aerocamaras, UAV Works,
Cartogalicia, Aeromedia e o Instituto Tecnolóxico de Galicia).
Volvendo
á inauguración, Feijóo estará acompañado pola secretaria de
Estado de Defensa, Esperanza Casteleiro; o conselleiro de Economía,
Francisco Conde, o director xeral de Industria e PEME, Galo
Gutiérrez, e o director xeral de Armamento e Material do Ministerio
de Defensa, almirante Santiago González; entre outros altos
representantes de institucións, empresas e universidades.
O
punto de referencia do evento será a Cidade da Cultura de Santiago
de Compostela, do 7 ao 9 de xullo este escenario será o eixo do
evento. No edificio CINC celebrarase o ciclo de conferencias con máis
de 120 relatores de diferentes nacionalidades que se repartirán en
24 sesións especializadas. A asistencia confirmada é de máis de
200 congresistas diarios e máis de 300 profesionais vía streaming.
Todo, informa a organización, “cumprindo os requisitos que esixe a
normativa, con aforamentos reducidos en tres auditorios, con estritas
normas de control de acceso e sempre baixo rexistro previo e cunha
controlada hixiene sanitaria”.

- Ángel Macho e Patricia Argerey (GAIN) na presentación da nova edición de UNVEX
O
Museo Gaiás acollerá eses mesmos días a área expositiva con máis
de 70 empresas de todo o mundo. Os asistentes poderán ver as últimas
novidades de compañías como as internacionais Indra, General
Atomics, Airbus, Babcock, Boeing, SENER Aeroespacial ou Everis; o
galegas Marine Instruments, Gradiant, Aerocamaras, UAV Works,
Cartogalicia, Aeromedia e ITG (Instituto Tecnolóxico de Galicia); ou
as nacionais Aertec, Alpha Unmanned e Fada-Catec.
A
mobilidade de localizacións chegará coas demostracións, as
terrestres poderanse ver en Santiago, pero para ver os drons
marítimos a organización levará aos asistentes ata Pontevedra,
concretamente á Escola Naval Militar de Marín, e os aéreos e os
sistemas antidrons mostraranse en Lugo, no Centro de Investigación
Aeroportada de Rozas (CIAR), situado no aeródromo de Rozas, onde se
atopa tamén o Polo Aeronáutico de Galicia da Civil UAVs Iniciative
promovido pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) na localidade de
Rozas.
UNVEX
é un evento integral, nacido en 2010, que xa ten ás súas costas
cinco edicións celebradas en Europa máis catro realizadas en
América Latina. Deseñado e desenvolvido por IDS, que tamén conta
cun medio de difusión referente no sector, www.infodron.es,
pasa por achegar a meirande mostra de vehículos aéreos non
tripulados de cantas se realizan en España e as súas demostracións
inclúen todo tipo de sistemas remotamente tripulados.
