O presidente da Xunta salienta a contribución de NTT Data á innovación nos servizos públicos

luns, 23 de decembro do 2024 Redacción

Alfonso Rueda mantivo nos pasados días un encontro co director xeral en España da consultora tecnolóxica NTT Data, Víctor López-Barrantes, e o director en Galicia e Asturias, Alberto Borrego, no cal destacou a contribución desta compañía ao impulso da innovación no tecido empresarial e nos servizos públicos galegos.
O presidente da Xunta, que estivo acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, puido coñecer os plans e liñas de acción en Galicia de NTT Data, que emprega arredor de 400 profesionais na Comunidade e que conta con oficinas na Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.
A consultora colabora coa Xunta en diferentes iniciativas relacionadas coa administración electrónica e coa innovación tecnolóxica en eidos como o ensino, a sanidade ou no ámbito xudicial, entre outros. Ademais, a compañía participou en diferentes programas impulsados pola Administración autonómica no eido da I+D+i como as unidades mixtas de investigación ou a compra pública precomercial, formando parte de proxectos centrados nas solucións innovadoras para o sector da saúde ou en facilitar a integración eficiente e segura de drons no espazo aéreo.
NTT Data tamén colabora desde hai anos en proxectos de Formación Profesional Dual e na realización do módulo de formación en centros de traballo, así como no programa Mentoring FP.