O presidente de HISDESAT protagoniza o novo almorzo de traballo do Foro Económico de Galicia
luns, 25 de maio do 2026
O Foro Económico de Galicia celebrou un novo almorzo de traballo en colaboración coa Zona Franca de Vigo, que contou desta volta coa participación de Santiago Bolívar Piñeiro, almirante da Armada retirado e presidente do Consello de Administración de HISDESAT, empresa de servizos gobernamentais por satélite que actúa nas áreas de defensa, seguridade, intelixencia e servizos exteriores.
Xunto a Santiago Bolívar, estiveron David Regades, delegado da Zona Franca; Víctor Nogueira, presidente do Foro Económico de Galicia; Santiago Lago-Peñas, director do Foro; Juan Vieites, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), e unha ampla representación de empresarios e académicos galegos.
David Regades abriu o almorzo lembrando que “a Zona Franca de Vigo impulsou este mesmo ano 2026 unha aceleradora especializada en seguridade e defensa, o que reflicte a importancia dos temas que hoxe tratamos neste almorzo”, engadindo que “a nosa prioridade, como ferramenta que somos do Goberno de España, é sempre apoiar ao tecido empresarial para a xeración de emprego”.
Víctor Nogueira, presidente do Foro Económico, agradeceu “a presenza de Santiago Bolíbar hoxe aquí. Despois dunha longa traxectoria militar, preside o Consello de Administración de HISDESAT, unha empresa española operadora de satélites para clientes gobernamentais, tanto civís como militares”.
Santiago Lago, director do Foro Económico de Galicia, asegurou que “ao igual que o cambio climático entrou na axenda hai 10 ou 15 anos, agora hai aspectos como a xeopolítica e a defensa que condicionan a situación económica”
Na súa intervención, Bolibar destacou que “HISDESAT proporciona desde hai 20 anos servizos de comunicación seguros por satélite á OTAN e a organismos gobernamentais de diferentes países”. Fixo tamén referencia á situación xeopolítica e militar actual, analizando os posibles escenarios a curto e medio prazo “para o reparto do poder militar e naval entre as grandes potencias mundiais”.
Traxectoria
Bolíbar, natural de Pontevedra, obtivo o despacho de alférez de navío na Escola Naval Militar en 1975, iniciando unha longa traxectoria ata que ascendeu a Almirante da Flota en 2011.
Desde o ano 2013, ostentou ademais o mando da Forza Marítima Europea (Euromarfor) desde a Base de Rota. En novembro de 2015, xa na Reserva, foi nomeado Presidente do Consello de Administración da empresa HISDESAT, S.A, posto no que continúa.
O almirante Bolíbar está en posesión das tres Grandes Cruces Nacionais e ten ademais quince condecoracións militares españolas e estranxeiras. É cabaleiro da Lexión de Honra da República Francesa. Á marxe de ser presidente de HISDESAT, é conselleiro de HISPASAT e presidente Nacional da Real Irmandade de Veteranos das Forzas Armadas e a Garda Civil.
