O presidente de Telefónica achega este mércores unha conferencia na Escola Naval Militar

luns, 2 de decembro do 2024 S. P.

A Escola Naval Militar (ENM) de Marín acolle esta semana unha conferencia de José María Álvarez-Pallete López, presidente executivo de Telefónica. Hic sun dracones, frase empregada antigamente nos mapas para referirse a territorios descoñecidos, é o título da conferencia que o presidente da operadora de telecomunicacións impartirá este mércores 4, ás 19.00 horas, no salón de actos da ENM, en Marín. Organiza Cátedra Álvarez-Ossorio (Universidade de Vigo e a Armada).
Como destaca Eva María Lantarón, vicerreitora do campus de Pontevedra e membro do comité da cátedra, actividades como este relatorio constitúen "unha valiosa oportunidade para fortalecer a colaboración entre a Universidade de Vigo e a ENM", á vez que permiten pór o foco na "importancia da innovación e o liderado empresarial no desenvolvemento de España". De aí que poña de relevo que esta conferencia "non só enriquece a formación académica, senón que tamén promove a transferencia de coñecemento á sociedade", á vez que fomenta o "intercambio de ideas e experiencias, servindo de inspiración ás novas xeracións para contribuír no progreso da sociedade".
Licenciado en Ciencias Económicas pola Universidad Complutense de Madrid, Álvarez-Pallete incorporouse en 1999 ao grupo Telefónica como director xeral de Finanzas de Telefónica Internacional. Ese mesmo ano, pasou a ocupar o cargo de director xeral de Finanzas Corporativas de Tefelónica SA e en 2002 foi nomeado presidente executivo de Telefónica Internacional. Entre 2006 e 2011, exerceu como director xeral de Telefónica Latinoamérica, para logo ser nomeado presidente executivo de Telefónica Europa e, en 2012, conselleiro delegado de Telefónica SA, pasando en 2016 a converterse no presidente executivo dunha compañía que opera en trece países e contou en 2023 cuns ingresos de máis de 40.000 millóns de euros. A traxectoria profesional de Álvarez-Pallete levouno a ser recoñecido como mellor director executivo (CEO) de España pola revista Forbes en 2016, ano no que o Consejo Superior de Deportes (CSD) concedeulle o ingreso na Real Orden del Mérito Deportivo, na categoría de medalla de bronce.
En 2016, foille concedida a Cruz do Mérito Militar con distintivo branco, recibiu o premio ao directivo do ano pola Asociación Española de Directivos e foi elixido ’’líder empresarial do ano’’ pola Cámara de Comermcio España-Estados Unidos. A estas distincións sumaríanse posteriormente o premio Ecofin ao Financeiro do Ano, en 2020; o seu nomeamento como embaixador honorario da Marca España en 2021; ou o Premio ao Empresario do Ano que en 2022 lle outorgaba a UPF Barcelona School of Management.
A conferencia contará con entrada libre, previa confirmación de asistencia, que pode realizarse no correo electrónico enmsecretaria@fn.mde.es ou no teléfono 986 80 47 10, ata este martes 3 de decembro. As e os interesados deberán indicar o seu nome e apelidos, número de DNI e data de nacemento. Inserida nunha programación que busca reflectir a importancia de España e das e dos españois en diferentes ámbitos da sociedade, a de Álvarez-Pallete será a terceira conferencia do curso da Cátedra Álvarez-Ossorio, tras as protagonizadas en outubro polo Alto Representante da Unión Europea para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade e vicepresidente da Comisión Europea, Josep Borrell, e o conselleiro delegado de Repsol, Josu Jon Imaz.