O presidente do CPEIG achéganos ás claves da protección de datos nun curso da EGAP

martes, 18 de decembro do 2018 Redacción

O presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez, vai achegar o seu coñecemento aos participantes no curso monográfico Protección de datos e ciberseguridade, que vén da man da Escola Galega de Administración Pública. E faino este 19 de decembro, compartindo co público asistentes novos conceptos e recursos de valor sobre datos persoais e protección en liña. O curso desenvólvese hoxe e mañá na sede da EGAP en Compostela. Fernando Suárez é o encargado da dirección académica da actividade formativa.
O obradoiro ten como obxecto principal afondar na normativa relacionada coa protección de datos de carácter persoal e a ciberseguridade desde un punto de vista teórico-práctico, “sinalando as novidades existentes e dando conta dos puntos máis esenciais e característicos da súa aplicación na Administración Pública e, en particular, no ámbito do sistema universitario”. En última instancia, búscase botar luz sobre o funcionamento e aplicación da normativa, dando resposta aos posíbeis conflitos e dúbidas que poidan xurdir do seu seguimento.
A xornada de mañá mércores comezará ás 9:30 horas coa intervención do delegado de Protección de datos da USC, José Luis Fernández. Ás 11:00 horas celebrarase a conferencia do delegado de Protección de datos do Sergas, Jorge Prado. E finalmente, Fernando Suárez pechará o curso, ás 13:00 horas, co seu relatorio titulado Ciberseguridade e protección de datos de carácter persoal, onde explicará o termo transformación dixital, a importancia da seguridade da información e as normativas de aplicación.
O presidente, ao fío da súa intervención no curso, avánzanos que a seguridade da información “é cousa de todas e todas”, non é unicamente responsabilidade das unidades tecnolóxicas nin da dirección das organizacións, senón que todo o persoal debe estar “implicado, concienciado e formado” xa que a persoa usuaria, aínda que é a peza máis feble da cadea, pode aplicar medidas de protección para manter a información que manexa ordenada, actualizada e segura. E engade: “A seguridade da información é o conxunto de medidas preventivas e reactivas das organizacións e dos sistemas tecnolóxicos que permiten resgardar e protexer a información buscando manter a confidencialidade, dispoñibilidade, integridade, autenticidade e rastrexabilidade dos datos almacenados ou transmitidos e dos servizos que os sistemas ou redes de información ofrecen”.
Ademais, Fernando Suárez falará dos aspectos máis destacados nunha xestión do risco para identificar as posísbeis ameazas á información, a probabilidade de que sucedan e o impacto da materialización da ameaza, “sempre usando medidas de seguridade proporcionais aos riscos dos sistemas de información”. Segundo fai saber, “ninguén queda a salvo dos ataques informáticos, polo que é preciso protexerse xa que as consecuencias poden ser catastróficas para a organización”.

PUBLICIDADE