O préstamo electrónico nas nosas bibliotecas medrou un 62%

xoves, 6 de febreiro do 2020 Redacción

Hoxe celebrouse a xuntanza do Consello de Cooperación Bibliotecaria, que estivo presidida polo director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, e que contou coa participación de representantes das bibliotecas de xestión autonómica, das bibliotecas municipais, dos centros privados integrados na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, das bibliotecas escolares de ensino non universitario e das asociacións de bibliotecarios. Entre outros datos de interese, no transcurso da reunión deuse a coñecer o importante medre do préstamo electrónico que se está experimentar nos nosos centros de lectura públicos.
Un dos puntos estrela da asemblea foi o balance relativo a 2019 de GaliciaLe, a plataforma de préstamos de obras en formato electrónico das bibliotecas públicas galegas, que ten como obxectivo “facilitar o acceso de toda a cidadanía á cultura en calquera momento a través dos seus catálogos en galego e castelán”. Segundo se fixo saber, no pasado ano rexistráronse un total de 56.144 préstamos, o que supón un incremento de preto do 62% con respecto ao ano 2018. O número de usuarios activos ascende a preto de 2400 no catálogo galego e supera a cifra de 4900 no catálogo en castelán. “Isto supón unha alza do 34% e do 46% respectivamente en comparación ao 2018”, explicouse na xuntanza, onde Lorenzo tamén fixo fincapé nos esforzos que se están a adicar ao fortalecemento e o desenvolvemento de GaliciaLe, unha iniciativa que viu incrementado o seu orzamento nos últimos anos, o seu número de licenzas e, en consecuencia, a cifra de lectores que puideron acceder a un mesmo título de maneira simultánea.
Na actualidade, a colección desta plataforma está constituída por preto de 4.600 títulos entre libros electrónicos, revistas, películas, audiolibros, libros interactivos e banco de datos. No que se refire aos títulos máis prestados, Infamia, de Ledicia Costas, ocupa o primeiro posto no catálogo galego, e La hija del relojero, de Kate Morton, foi o título máis lido no catálogo en castelán.
Anxo M. Lorenzo tamén deu conta do proceso de implantación do programa de xestión bibliotecaria para a Rede de Bibliotecas de Galicia, Koha, que se atopa na súa terceira fase e que rematará o vindeiro mes de xuño. Segundo fixo saber Lorenzo, este período permitiu a integración de 80 bibliotecas públicas no Catálogo da Rede de Bibliiotecas de Galicia.

PUBLICIDADE