Boa parte das contribucións para actualizar o Plan da Lingua poñen o foco no ámbito dixital

martes, 14 de outubro do 2025 Redacción

A Secretaría Xeral da Lingua que dirixe Valentín García recibiu máis de mil achegas a través do proceso aberto para levar a cabo a actualización do Plan de Normalización da Lingua Galega. Así o anunciou o propio García nunha rolda de prensa na que indicou que “grazas aos contactos establecidos desde as 11 comisións de traballo conformadas por expertos en diferentes materias, chegaron máis de mil propostas, ás que hai que sumar as máis de 300 recibidas a través da xanela dispoñible para a participación da cidadanía”.
O secretario xeral anunciou que “toda esta documentación está sendo analizada pola comisión técnica designada para guiar a renovación do Plan, coordinada polo académico Manuel González González, presente na comparecencia ante os medios”.
Trátase, dixo, dunha información que se suma aos datos sobre a lingua publicados polo Instituto Galego de Estatística ou dos extraídos da Enquisa de percepción social do galego realizada a 1.200 familias con fillos en idade escolar nas etapas de primaria e secundaria.
Engadiu que esta información será incluída na avaliación outros informes achegados por entidades como o Consello da Cultura Galega, unha das primeiras institucións coas que se mantiveron consultas por parte da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para desenvolver este proceso.
Valentín García lembrou que “a iniciativa de implicar aos galegos e galegas neste procedemento formou parte desde un principio da folla de ruta prevista desde que anunciamos un Pacto pola Lingua”, puntualizando que desde entón “fixemos un chamamento tanto aos grupos políticos con representación parlamentaria como a entidades de relevancia, axentes sociais e poboación en xeral”.
O secretario xeral deu conta dos resultados recollidos a través de diferentes propostas recibidas e que “coinciden en gran medida cos bloques nos que se dividen as mesas de traballo para a renovación do Plan”, o que indica, incidiu, “que estamos no camiño correcto en consonancia coas cuestións nas que fai fincapé a sociedade”. Así, Valentín García mostrouse satisfeito coas suxestións recibidas “en clave positiva”, que xiran ao redor do ámbito da administración, a educación, os medios de comunicación, as tecnoloxías, os dereitos lingüísticos, a economía ou a familia.
Sinalou que algunhas das ideas formuladas “inciden na necesidade de prestixiar a lingua e facerlle entender á sociedade que é un idioma útil e importante, desmitificando certas crenzas, ou a garantir a presenza do galego nas tecnoloxías (aplicacións, buscadores, asistentes de voz) e no eido dixital promovendo contidos en galego desde a produción ata a propia publicidade”. Nesta liña, as propostas tamén se centran nas industrias culturais, potenciando a programación de contidos en lingua galega ou asegurando axudas para dobraxes e eventos musicais en galego.
No que ten que ver coa administración, indicou que as suxestións recibidas “avogan por garantir a versión en galego dos programas informáticos, formularios ou aplicacións, usalo nas notificacións oficiais, ou incidir na formación do persoal”.
Engadiu que “o mesmo acontece no ámbito económico ou da sanidade, apostando por establecer normas mínimas de uso do idioma e poñendo en marcha cursos de formación específica”.
Outra das cuestións con máis protagonismo reside na responsabilidade de transmisión da lingua no ámbito familiar e educativo, potenciando programas de lecer e conciliación en galego e “aproveitando os servizos de bibliotecas para distribuír material lúdico que beneficie a lingua, ademais da actualización do recursos didácticos nos centros escolares e que se prime o uso do galego por parte do profesorado”.
En todas estas cuestións xa traballan desde hai meses os grupos de expertos nas distintas materias nas que se centran os 11 bloques establecidos para a actualización do Plan de Normalización da Lingua Galega, que se puxeron en marcha tras as reunións da Xunta cos grupos políticos con representación parlamentaria e coas institucións galegas máis relevantes en canto á lingua e á cultura.
Lembrou que os grupos de traballo xa reuniron máis de mil propostas tras manter máis de 270 entrevistas con distintas entidades, asociacións, colectivos e axentes sociais.