O proceso creativo detrás da construción dunha web centrará unha charla de WordPress Coruña

luns, 29 de decembro do 2025 Redacción

A comunidade WordPress Coruña celebrará o 22 de xaneiro unha nova sesión divulgativa centrada no proceso completo de creación dun sitio web, desde a idea inicial ata o lanzamento final. O encontro terá lugar ás 19:30 horas no espazo de coworking WekCo, no barrio de Novo Mesoiro.
A charla, titulada Web under construction. A arte de construír unha web, terá como relatora a Andrea Magán (Sngular), programadora e deseñadora a quen moitos coñecerán da última Datolada ou da Lareira Conf, quen explicará como se transforma un concepto nunha identidade visual coherente e funcional. A presentación inclúe unha revisión das fases de planificación, deseño e desenvolvemento, así como unha exposición das ferramentas e tecnoloxías máis empregadas no sector.
O obxectivo é ofrecer unha visión transparente do traballo que hai detrás dun proxecto web, incluíndo os retos habituais e os erros máis frecuentes. A sesión está pensada tanto para persoas que se inician no deseño e desenvolvemento como para quen xa deu os primeiros pasos e busca mellorar a súa metodoloxía.
Ao remate do evento haberá un momento para o networking acompañado de petiscos e bebidas, unha práctica habitual nos encontros da comunidade para favorecer o intercambio de ideas e a creación de contactos profesionais. A asistencia é de balde, pero as prazas son limitadas polo que recomendan inscribirse previamente.