O profesor Ignacio Armesto, recoñecido pola Sociedade Internacional de Automatización

venres, 7 de xuño do 2019 Redacción

O profesor da Escola de Enxeñería Industrial José Ignacio Armesto, coordinador do Máster de Mecatrónica e principal impulsor das históricas e prestixiosas Xornadas de Automatización Industrial (JAI) que se celebran cada ano na dita escola, recibiu este xoves en Madrid o premio anual ISA-Sección Española ao mellor profesional. A dita entidade ISA (The International Society of Automation), a máis sobranceira a nivel internacional do ámbito das industrias intelixentes, quixo salientar con este recoñecemento o importante traballo despregado por Armesto ao longo da súa carreira, e máis o apoio brindado á asociación, así como a súa adicación ao comité executivo de ISA España.
Segundo fixo saber o profesor da UVigo, “a nivel persoal recibir este premio supón para min un gran orgullo, pero teño que aclarar que este recoñecemento é sobre todo un premio á actividade que realizamos no grupo de investigación ao que pertenzo no Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática, na Escola de Enxeñería Industrial e, por suposto, na Universidade de Vigo”, explicou. Armesto recibiu o premio da man do presidente de ISA Internacional Paul Gruhn nunha cerimonia celebrada en Madrid ao abeiro da conferencia anual de ISA España.
Segundo recorda a Universidade de Vigo, a relación entre o impulsor das JAI, especialista en enxeñaría de sistemas no contexto da automatización industrial, e ISA España remóntase a hai preto de 15 anos coa celebración en 2004 da primeira edición das devanditas xornadas, que comezaban a súa andaina cun conxunto de conferencias ofrecidas por diversos representantes do sector da automatización industrial. “Na edición 2004 das xornadas tiven a ocasión de coñecer a varios membros do comité de ISA Spain e, desde entón, colaboramos de forma continuada”, apunta Armesto, quen tamén recalca que ao longo destes anos se levan organizado diversas reunións técnicas na Escola de Enxeñería Industrial e, a nivel persoal, ten asistido e participado en diferentes mesas redondas da súa conferencia anual e xornadas técnicas ao longo de toda España. Ademais, desde hai un par de anos a Universidade de Vigo conta cunha sección de estudantes de ISA da que Armesto é profesor advisor.

PUBLICIDADE